Grande Amore: “A miña música non é a máis rara da historia, pero é rara. David Bisbal non son”
Nuno Pico é o artista detrás de Grande Amore
O galego Grande Amore -Nuno Pico- será quen peche o Our Fest deste sábado en Expourense. Vén con disco novo baixo o brazo: “II”. É un álbum cru, directo, con letras e músicas afiadas. Acompañan a Nuno Pico neste proxecto electrónico Clara Redondo e mariagrep.
Púxerono ao final no Our Fest. Agradece ser o fin de festa?
Si, agradezo tocar de noite porque ao final a música que fago non é jazz nin nada calmado. A xente entra en calor así.
“II”. Non se raiou moito, non?
Si, é adrede. Moitos grupos rockeros e de pop que empecei a escoitar de chaval fixeron iso. Led Zeppelin, que me gusta moito. É o tipo de detalles que ninguén valora pero ti quedas contento.
Sempre fala da música que escoitou de neno. Gustaríalle parecerse a eles?
Pénsoo e gustaríame parecerme si, pero fago música con sintetizadores e caixas. Si que me influencian pero é coma unha tensión irresoluble con eses recursos rítmicos e enerxía. E eu non escoito electrónica nin teño coñecementos, do que mamei sempre é do punk e do rock.
Está contento co disco que fixo?
Ao mellor na miña cabeza, o día antes de empezar a gravar, pensas que o disco vai ser terrorífico ou o mellor. Creo que non é terrorífico nin cambiou a historia, pero estou contento. Con Carlangas na produción queríamos que fose cru, directo e que tivese esa enerxía dos discos dos Ramones, os que nos gustan.
Defende a música en galego porque é a súa identidade, pero agora hai un bum. É unha moda?
Se houbo un punto parecido ao de agora á hora do prestixo de facer música en galego non o recordo. Eu nunca me planteei facer música noutro idioma porque vese claramente que non só non che pecha portas, senón que as abre.
Ten 35.000 oíntes ao mes. Soe mirar as estatísticas? E mira atrás no tempo?
Si que miro, todos os días, porque me parece que todos os días van ser o día que se acabe todo. Cando empezas a sacar temas ves que empeza a ir ben e dis: Dios mío, agora ata cando vai durar? Mañá vaiseme destapar a lebre. Por outra banda, as expectativas: cres no que fas, pero senón, tamén poría alquitrán nas carreteras. De fame non vou morrer. Penso que non é a música máis rara da historia, pero é rara. David Bisbal non son.
Vive en agonía?
Un pouco.
Canta: “Fumando espero, a que as cousas que me gustan duren máis tempo”. Que lle gusta da súa música?
O directo. Desfruto de todos os procesos, pero onde mellor o paso é no directo, onde me criei eu.
Sempre está “arriba” no directo.
Si. Intento que sexa o máis animado posible, porque me gustan os grupos que combinan esa enerxía rápida e as letras angustiosas. É importante estar ilusionado, porque se transmite.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NO ES UN HECHO AISLADO
Cae con 80 gramos de cocaína a los 4 días de una condena por drogas en Ourense
DÍA CONTRA EL CÁNCER
Ourense suma 2.600 nuevos casos de cáncer en el último año
Lo último