RODAXE

Grava unha curta en Ourense inspirado no grado de Dereito

O graduado David Rubianes, que prepara o doutoramento, recrea un drama psicolóxico

O xove titulado en Dereito polo Campus de Ourense David Rubianes, actualmente alumno de doutoramento na Universidade, está a gravar unha curtametraxe na que canaliza os seus coñecementos e inquedanzas e á que convida a unirse aos membros da comunidade universitaria interesados. “Metinme de cheo na apaixonante aventura de crear unha produtora da que son socio, Dreammax, e actualmente estamos facendo a nosa primeira curtametraxe, Quindici, da que son escritor, produtor e director", di Rubianes, que pretende exhibir o que é un drama psicolóxico no que o protagonista debe tomar unha decisión que lle supera.

“Trátase dunha historia complexa e escura que creo que fará a delicia de todo tipo de espectadores”, indica o director. Á hora de crear esta historia, apunta, a súa formación en Dereito foi moi útil xa que, aínda que non se trata dunha historia de carácter xurídico, “todo ten que ver co Dereito, está imbricado en todo, rexendo a vida das persoas, marcando o patrón do que está ben ou mal, regulando a nosa convivencia”.

A rodaxe, que xa comezou, realizarase íntegramente en Ourense e os actores foron elixidos tras facer unha proba na Casa da Xuventude, onde se deron cita decenas de persoas interesadas en participar.

Te puede interesar