Tribuna

José Antonio Viñas, o home que amaba o folclore

José Antonio Viñas, durante un festival en Ourense no ano 2017.
photo_camera José Antonio Viñas, durante un festival en Ourense no ano 2017.
Viñas era a Agrupación Folclórica Queixume dos Pinos e a Agrupación, dalgunha maneira, sempre será Viñas

No ano 1886 vía a luz o poemario “Queixume dos Pinos” de Eduardo Pondal. Dous séculos máis tarde as tres verbas resoan con forza inspiradora en moitos países por mor do traballo entregado dun ourensán, quen escolleu o título do poeta para o proxecto máis importante da súa traxectoria artística. Os sons das gorxas, das verbas, dos instrumentos e dos roces dos tecidos que bailan, contando coma ninguén a riqueza da cultura galega, están en Queixumes dos Pinos, grazas a un rapaz profundamente namorado da súa terra e das súas raíces: José Antonio Viñas. Aínda que finou xoven, adicouse a agasallar sementes de terra galega tan fértiles que a colleita, sen dúbida, será abundante e infinda. O será aquí, en Canarias, Colombia, Perú, Italia, Rumanía, Alemaña ou en calquera outro recuncho do mundo polo que pasou e onde a importancia da cultura propia é avaliada coma se merece. Home de apariencia tranquila, Viñas era a Agrupación Folclórica Queixume dos Pinos e a Agrupación, dalgunha maneira, sempre será Viñas. Nada pode perdurar no tempo sen un bo conductor.

É doado pensar que xa nacera para defender o folclore galego. Con once anos, súa nai levouno a Escola de Danzas. Afirmou Viñas nunha entrevista neste diario que aínda que foi un pouco “obrigado”, “sempre me apasionou o baile. Creo que a vena artística é o que fai que alguén entre nun grupo así. No meu caso, a axuda da miña familia, sobre todo da miña nai, foi determinante”. Catro anos máis tarde colgou un cartel no colexio público de Pereiro de Aguiar solicitando membros para un grupo de baile. “Si me preguntan polos motivos, direi que naquela época o meu modo de ver o folclore galego non encaixaba na visión e filosofía do baile que había, aínda que supoño que a esa idade todo o mundo é un pouco idealista”, lembraba José Antonio Viñas. A primeira actuación foi no ano 1995, nunha romaría. E iso foi só o inicio dunha longa carreira chea de innovacións, ideas e ganas por aportar, mostrar e ensinar, foi o inzo de Queixumes dos Pinos, agrupación que dirixiu máis de 25 anos.

Resultaba sinxelo falar con José Antonio Viñas, era unha persoa agarimosa, disposta á conversa, onde a cultura e Ourense, a súa cidade, emerxían envoltas en proxectos presentes e futuros. Poucas veces aparecía o desalento, mais aparecía, e tamén as críticas, que aceptaba, foran ou non comprendidas.

Dúas veces atopei a José Antonio Viñas derrotado: unha, por mor dunha vivencia persoal que o golpeu e o afundiu na tristura, e outra por ter a sensación de que a ningúen lle importaba o folclore e a cultura galega pola que loitaba. “Síntome tan desenganado que ata me plantexo abandonar Ourense”, díxome un día de sol nas instalacións de La Región.

No ano 2011, un pago de 50.000 euros que non chegou a tempo obrigaba á suspensión do Festival que organizaba dende facía anos. Viñas calificou ese intre coma “o máis duro da agrupación nos seus 17 anos de existencia”. Pero pasou e, afortunadamente para a cidade, Viñas ficou. Foi tantas cousas que é complexo enumeralas todas. Foi, ademáis de director do grupo de danza Queixumes dos Pinos, Vicepresidente da IGF (Internacional Union Of Folclore Association), o máis xoven, padriño de honra da Asociación cultural canaria Esencias de Tradición, impulsor da revista “A Bugalla”, de cultura, turismo e folclore de Galicia, editada en galego, castelán e inglés, e difundida en máis de 37 países, coordinador do proxecto “Interritmos”, director de festivales e profesor dos emigrantes galegos nas “Escolas” da Xunta, entre outras cousas.

Este home dun sorriso tímido sempre presente, endexamais deixou de soñar e de crear. No centro da agrupación no que tanto traballou non só tiña cabida o folclore ou os propios membros, as portas sempre estaban abertas para todo e todos. A cultura, en calquera forma ou expresión, atopaba neste local o seu espazo. Foi profesor e amigo e por iso o botan tanto de menos.

Mais José Antonio Viñas tamén quixo voar máis aló destas fronteiras e levar a súa visión persoal do folclore galego e o nome do seu Ourense polo mundo adiante. No ano 1999 coñeceu a Sandra Piccini, organizadora dun festival internacional e presidenta da asociación de folclore xuvenil do norte de Italia e contactou con Vladan Tesanovic, da World Folclore Union. Baixo o seu paraugas percorreu Europa co seu grupo. Cometeu erros, coma non, era unha persoa, pero tamén colleitou moitos éxitos como o demostra un longo palmarés de premios, entre outros: “Oscar Folclore Award” 2012, premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2019, ou o galardón á Excelencia Folclórica otorgado a Queixumes dos Pinos no festival Nunta Zanfirei de Rumania.

Aínda que coñecendo a José Antonio Viñas a recompensa máis valorada foron os aplausos do público e o inmenso agarimo que ganou por ser como era. Nesta derradeira viaxe, o mundo do folclore espallado polo mundo, cheo de boas amizades, fixo soar as campás nunha homenaxe chea de recoñecemento. Namentres, aquí as gorxas seguirán cantando ao ritmo dos instrumentos e os pes danzarán no teu nome. É o agasallo que confiaches a Ourense, que agora terá a obriga de protexelo. Ese é o teu legado José Antonio. Podes seguir sorrindo.

Te puede interesar