José González: "O noso obxectivo é que agricultores e gandeiros accedan á terra canto antes"

José González é o conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia

Publicado: 02 nov 2023 - 07:00 Actualizado: 02 nov 2023 - 07:24

José González, conselleiro do Medio Rural.
José González, conselleiro do Medio Rural.

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo un repaso das principais novidades do seu departamento, das inversións que está desenvolvendo en Ourense e das principais liñas de axuda aos sectores relacionados co agro.

Un dos proxectos máis importantes que ten o seu departamento en Ourense é o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén. Cando contaremos con esta instalación rematada?

É un conxunto de edificacións. Son arredor de 18.000 metros cadrados no antigo hospital psiquiátrico de Toén e, o que sempre pretendemos é que, logo da súa recuperación -cabe lembrar que estaba totalmente en ruína- estivera operativo dende o primeiro momento. Aínda que agora estamos nunha fase de remate da construción, xa entraron en funcionamento tanto a pista de adestramento físico dos bombeiros forestais como a pista de adestramento en condución de motobombas e outros vehículos. Agora estamos traballando nunha edificación que debe ter 300 metros cadrados de planta, que é a antiga lavandería do hospital. Estamos recuperándoa para que sexa o edificio administrativo e o aulario para poder dar o plan de formación aos nosos bombeiros forestais. Dende aí, o desenvolvemento do centro na súa totalidade evolucionará en función das necesidades. O que queríamos é que o centro estivera ocupado e operativo dende o primeiro momento.

Tamén se está a traballar no centro de Verín-Oímbra. Como avanzan eses traballos?

Dentro do que é a planificación que temos na consellería das nosas instalacións, un dos elementos máis importantes son as dos servizos de prevención e extinción dos incendios forestais. Ourense é un dos territorios máis afectados polos incendios, por iso estamos facendo un esforzo importante nesas infraestruturas. A base aérea está nos dous concellos porque ten a pista máis longa de aterraxe logo dos aeroportos comerciais con 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho. Esta infraestrutura permitiranos loitar de mellor maneira contra os incendios que atacan ao sur da provincia e tamén ao norte de Portugal. Ao dispoñer desta base poderemos contar con dous avións de carga en terra máis o vindeiro ano. Ademais, terémolos oito meses, non os seis e medio que tiñamos ata o de agora. Estamos rematando a base de distrito de Verín e tamén a base de unidade operativa de Muíños, que é unha edificación con estrutura de madeira. Facemos cos nosos bosques os lugares onde descansan os que coidan dos nosos bosques.

Que liñas segue o plan estratéxico da industria forestal?

O sector forestal é estratéxico en Galicia. No 2022 facturou máis de 2.500 millóns de euros, agrupa a máis de 2.500 empresas e xera 25.000 postos de traballo. E o reparto de ingresos está moi atomizado. Só os propietarios forestais, máis de 80.000 familias, perciben 350 millóns de euros ao ano só pola venda da súa madeira. Temos que darlle ao sector a importancia que merece. O plan ten que ver cunha pretensión: a colaboración público-privada. Ímolo desenvolver co Clúster da Madeira, coa asociación Lugo Madeira e con Fearmaga. Buscamos manter o potencial galego no sector, a diversificación do noso monte, ter un monte cada vez máis ordenado e máis sostible; e, dende o punto de vista da industria, é fundamental incrementar os usos con maior valor engadido. Aí é moi importante a aposta que está facendo a Xunta pola construción en madeira, tanto subvencionando a demanda privada como apostando pola madeira nas construcións públicas. Unha porcentaxe mínima das edificacións da Xunta dende o ano que ven terá que ser en madeira estrutural.

O primeiro dos polígonos agroforestais será o de Oímbra en 2024?

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia está dotada con 7,4 millóns. Nela están estas figuras destes polígonos agroforestais; as aldeas modelo; ou as agrupacións de xestión conxunta, que a vindeira semana publicaremos o modelo de estatutos para que poidan empezar a funcionar. Indo aos polígonos, hai decretados máis de 25 en Galicia e 17 están en Ourense. Son unha ferramenta que está funcionando moi ben nas zonas nas que hai moito abandono e minifundismo. Os propietarios teñen moita gana de poñer as súas terras a producir, que é o que busca esta lei. Sacar a terra do abandono é un procedemento complexo pola estrutura da propiedade galega, por iso, o noso obxectivo é axilizar a posta a disposición da terra para os nosos agricultores e gandeiros, para que accedan a ela o antes posible. No caso dos polígonos, estamos a falar de que non pasen máis de tres anos dende que se decretan ata que entran alí os agricultores. Os primeiros polígonos, que son os que mencionaba, estarán licitados a inicios de 2024, polo que cumpren estes prazos.

Que requisitos teñen que cumprir eses espazos?

Todos coñecemos terras que hoxe están abandonadas pero que foron traballadas no pasado e teñen moi boa actitude para producir. O que facemos é contactar con todos os propietarios e propoñerlles diferentes opcións de utilización: a primeira é traballala eles, pero, de non poder, ofrecémoslle vendela ou arrendala. É a Xunta a que busca os empresarios interesados nesa terra. Defendemos sempre aos propietarios, porque os prezos son pactados con eles, e buscamos os aproveitamentos que máis se adapten ao territorio. No caso de Oímbra estamos traballando, por exemplo, en plantacións de viña e de pemento de Oímbra. Buscamos aquel uso que lle dea o maior valor engadido para que o prezo poida ser o máis alto posible; pero tamén que sexa competitivo para aqueles que van entrar a desenvolver a súa actividade. A aceptación destas figuras é incrible. Ademais, ao facer a investigación da propiedade, facemos unha revisión catastral e acabamos inscribindo todas as fincas no rexistro da propiedade, o que tamén permite loitar contra o lume. Non hai mellor devasa ca unha zona traballada.

A concentración parcelaria e o asociacionismo tamén son moi útiles para que haxa relevo xeracional no campo.

O importante é que haxa actividade sostible, vale calquera instrumento. A concentración é o método tradicional e nunca o demos de lado. De feito levamos decretadas 29 novas concentracións parcelarias nesta lexislatura. Supoñen 23.000 hectáreas do noso territorio. Pero non podemos quedar só niso. Hai zonas nas que non se resolveu o problema do abandono. O que pretendemos é mobilizar territorio e que haxa actividade sostible e con valor engadido para que a xente poida seguir vivindo no rural. O noso afán é axilizar o máximo as concentracións parcelarias.

En que consisten as axudas do Igape ao sector vitivinícola?

Outro sector importantísimo para a provincia de Ourense. Hai unha lexislación estatal que obriga a pagar as uvas en menos de 30 días dende a súa entrega. Estamos axudando aos Consellos Reguladores para que poidan demoralos o máximo posible. O que fixemos foi sacar unha liña de financiamento que permite demorar o pago ata tres anos, e, no primeiro, damos unha subvención do 5% do principal, subvencionando case todos os tipos de interese. O que pretendemos é que poidan demorar eses pagos financiando a través de entidades bancarias, pero co menor custo posible.

Contenido patrocinado

stats