Entrevista

Lorena Conde: "A cultura é bonita como algo etéreo… pero tamén temos estómago!"

A poeta pontevedresa Lorena Conde. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera A poeta pontevedresa Lorena Conde. (Foto: Miguel Ángel)
A pontevedresa Lorena Conde gañou o 36º Premio de Poesía Cidade de Ourense

Máis aló da polémica co Auditorio, a xornada de onte serviu para presentar “As puntas da louza. Cancionero popular de labor”, o poemario co que a pontevedresa Lorena Conde gañou o 36º Premio de Poesía Cidade de Ourense. Editado por Aira, trátase dun libro que usa o imaxinario relixioso e da música tradicional para falar dos problemas das mulleres obreiras.

É un libro cheo de crueza, como equilibra esta enerxía con coidar a linguaxe?

Creo que a crueza foi o único que non cambiou ao escribir o poemario. A situación das obreiras e as mulleres xa é crúa de seu, e para min o importante era revelar esta crueza desa forma misteriosa que ten a poesía, que expresa realidades complexas, ás veces en dúas palabras.

Na obra plasmas as súas vivencias persoais.

É inevitable. Non sei de que escribiría se puidese encerrarme na miña casa, pero este é o mundo no que vivimos. O inmediato é cruzarme con xente que se levanta moi cedo para facer un traballo que non lle gusta, e que ademais moitas veces está menosprezado. Eu mesma son unha obreira, da cultura e de moitos outros traballos que aínda teño que facer. 

A cultura é traballo.

É unha cosa moi bonita cando se ve como algo etéreo, pero -e por iso parecíame importante esixir a reapertura do Auditorio- os traballadores tamén temos estómago! 

Hai prexuízos de  elitismo coa poesía?

Creo que é unha cuestión formal, porque á fin e ao cabo as cancións son poesía, se lles quitas a música. Con todo, estou convencida que hai unha poesía para cada persoa. Ao meu non me chega todo o que leo, pero iso non é un problema.

Te puede interesar