Manuel Baltar defende "unha atención prioritaria ás políticas sociais" na acción de goberno

O presidente provincial, no mitin celebrado en Trives, pediu o voto para o PP pola súa demostrada aposta a prol do emprego, base de todo programa social

As políticas sociais centraron hoxe a decimo primeira xornada electoral do Partido Popular en Ourense, que celebrou un encontro con entidades sociais en Aixiña, coa presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, e presentou o seu programa de intencións en Trives.

No mitin celebrado na vila ourensá, Manuel Baltar defendeu a creación de emprego como piar das políticas sociais. “O noso obxectivo ten que ser trasladar a recuperación económica ás empresas para que sexan máis competitivas, para que contraten a máis persoas, para que cada vez máis familias teñan os recursos necesarios para una vida digna e tamén cada vez menos persoas sexan dependentes das axudas sociais”.

Por iso, afirmou, o Partido Popular é o única forza que se propón chegar ata os vinte millóns de empregos, “porque ademáis de ser quen de crear millón e medio de postos de traballo nos últimos tres anos, sabe que o emprego é base de toda política social”.

“Así o entendemos mesmo na Deputación, onde puxemos en marcha programas de axuda á empregabilidade e á mocidade co fin de dar novas oportunidades aos nosos vecinos”, engadiu Manuel Baltar.

No mesmo acto, a candidata ao Senado, Miri Barreira, advertiu que o único proxecto de país está nas papeletas do Partido Popular, “mentres que nas do resto só vexo propósitos para gobernar, pero quen sexa, como sexa e, o peor de todo, para o que sexa”.

A candidata pediu o voto “para un goberno en positivo e de progreso”, como así demostrou o PP tras as eleccións de decembro tendendo a man daquela “a partidos que pensábamos tamén pensaban en España, pero que demostraron só pensar no poder”.

Encontro en Aixiña

No acto celebrado en Aixiña, o presidente do PpdeG, Alberto Núñez Feijoó, esixiu que “ninguén pretenda monopolizar a loita contra a pobreza para obter réditos políticos”, criticando a aqueles partidos “que pensan que acaban de inventar a loita contra a exclusión, cando o Partido Popular de Galicia leva moito tempo loitando contra ela e axudando ás familias que o pasan mal”.

Agora, dixo Alberto Núñez Feijoó, é o momento de lograr “que toda a poboación se beneficie da recuperación económica”, facendo neste punto una chamada “á implicación das empresas, das administracións locais e as entidades sociais a prol da inclusión social, baixo a coordinación da Xunta”.

Para defender a responsabilidade do PPdeG neste eido, Núñez Feijoó lembrou aos presentes algunhas das iniciativas postas en marcha en política social pola Xunta, como a Axenda Social Única, axudas aos concellos para promover a inclusión social, o incremento do Risga, a loita contra a pobreza enerxética ou contra os desafiuzamentos.

Campaña na cidade

Tamén na cidade continuou hoxe a campaña, con visitas aos barrios de San Francisco e A Cuña, coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e dos candidatos Celso Delgado e Ana Belén Vázquez.

 

Te puede interesar