Literatura

Fernández Naval: "É moi emocionante ver que a novela que me fixo escritor trascenda xeracións"

"Chisco" vén de traducir ao castelán e ao portugués a obra "O bosque das Antas" 

O escritor ourensán Francisco Xosé Fernández Naval "Chisco" vén de traducir ao castelán e ao portugués a obra que, segundo el, o fixo escritor. "O bosque das Antas" gañou o premio Xerais en 1988. Olga Pastor, da editorial Bubok, recupera agora a obra que xa venden as librerías lusas.

Francisco Xosé Fernández Naval Despois de tantos anos, que supón que esta novela se traduza a castelán e portugués?.

Unha emoción moi grande porque este libro fíxome escritor. Ten como referencia a memoria do territorio, familiar, persoal e histórica… A iniciativa de traducila é dunha persoa que sabía da novela porque era filla da lectora da novela. É emocionante saber que trascende o tempo xeracional.

Menciona a memoria en áreas como o territorio. Ata que punto inflúe Ourense na súa obra?

Teño dous grandes referentes territoriais e emocionais. Un é Ourense e outro Carnota. "O bosque das Antas "significou recuperar a memoria familiar, vinculada coa guerra e coa posguerra. E é unha novela do río, de Ourense, de Oira, de Cudeiro.... 

Fala da posguerra e da memoria colectiva. Aínda convén recordar estes temas?

Creo que aínda non temos moi superado todo iso, e para superalo hai que falar e osixenar. Escribín a novela no 85 e daquela non había moito plantexamento neste senso pero eu necesitaba contar a historia do meu avó. A crítica considerou a novela pioneira. 

Séntese recoñecido?

Son o herdeiro do patrimonio intelectual de Xosé Fernández Ferreiro. Pepe era un escritor de perfil baixo (ri) e eu creo que tamén o son. É difícil. Non persigo estar no candeleiro.

Que outros proxectos ten?

Estou traballando nun proxecto que nace en Ourense aínda que pareza que non ten que ver: a relación de Galicia cos cetáceos desde o pleistoceno ata hoxe.

Que teñen que ver os cetáceos con Ourense?

É unha paixón dende neno. Cando nacín pesei moito e a enfermeira cando me colleu dixo que non era un neno, senon un cachalote. Fun o cachalotiño da Pepita. E a miña tía tiña unha casa de hóspedes en Santo Domingo e lembro perfectamente a medianeira da parede: Casa de Huéspedes La Ballena. É un mundo que sempre me atraeu. Está vinculado con Ourense? Está vinculado co mundo… Intenta dialogar con todo o planeta.

Te puede interesar