Mozos con discapacidade da UVigo en Ourense aprenden na empresa

UNIVERSIDADE

Os alumnos do Programa para a vida autónoma visitaron firmas ourensás como Aceites Abril

Visita dos alumnos do programa a Aceites Abril.
Visita dos alumnos do programa a Aceites Abril.

O campus de Ourense, seguindo o exemplo do campus de Vigo, puxo en marcha este curso o Programa universitario para o emprego e a vida autónoma. Seis persoas con diversidade intelectual cursan desde novembro e ata xuño este título propio da UVigo que ten como obxectivo ofertar ao seu alumnado competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadás activos. Tras varios meses de formación principalmente nas aulas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, as e os estudantes están a completar a súa formación con visitas a entidades da contorna, como as empresas Unvi, Aceites Abril e o balneario de Laias.

Este novo título, que se insire dentro da oferta da Escola aberta de formación permanente, co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo, está financiado pola Fundación ONCE e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. No campus de Ourense celébrase coa colaboración da asociación Down Ourense, entidade especializada na atención a persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual. A matrícula para o alumnado está subvencionada na súa totalidade para que poidan desenvolverse como cidadáns na sociedade.

Requisitos

Para presentarse as e os estudantes tiveron que cumprir unha serie de requisitos, como ter unha idade comprendida entre 18 e 29 anos; unha discapacidade intelectual recoñecida igual ou superior ao 33%; estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; acreditar estudos formativos preuniversitarios adecuados para o aproveitamento da formación; capacidade de poder desprazarse con autonomía ao campus e ter unha conduta social axustada para garantir unha inclusión axeitada nunha contorna inclusiva como é a universidade.

O obxectivo: a mellora da súa empregabilidade

As actividades formativas do programa, coordinadas desde Down Ourense, realízanse ao longo do curso académico en convivencia cotiá coa comunidade universitaria no edificio Xurídico-Empresarial do campus, co obxectivo de acadar o enriquecemento mutuo que achega a diversidade. O alumnado recibe unha formación interdisciplinar para mellorar a súa empregabilidade e competencias sociolaborais e favorecer a súa inclusión, con 300 horas de docencia e 100 de prácticas. A formación compóñese dunha serie de materias troncais (como expresión e comunicación, cultura e sociedade, habilidades emocionais e matemáticas aplicadas) e materias específicas, como arte rupestre, turismo termal, informática, emprendemento e restauración.

Contenido patrocinado

stats