ARTE ET ALIA

A musa da paz no auditorio

DASASD
photo_camera A obra "La paz de los ojos velados".

Son esculturas e pinturas de variados formatos, materiais e técnicas, que os artistas levaron, algúns deles na man, como Ferrer ou Prada.

Apareceu, con una certa sorpresa, no Auditorio a Iª Semana Internacional da Paz, en formato de exposición artística colectiva. Eis o primeiro dos elementos do programa que nesta semana vai desenrolar en Ourense o Instituto Galego de Estudos Internacionais presidido por Artur Alonso. E comeza no alto, nas abas de Montalegre, para ir baixando cara a cidade, con palestras na Galería Sargadelos, ioga termal en Outariz, e poesía e música no Liceo. Coa frase ‘Mudar as nosas conciencias, mudar as nosas vidas’ a modo de lema, espalla unha nova maneira de desenrrolar a vida dende a procura da paz interior, asentada en fondos valores éticos dende a amizade e camarería, a paz ambiental e social, en harmonía co medio, e a paz cultural, dende o cerne propio o diálogo e a apertura. Un plantexamento holístico dende os peares do multiculturalismo, o ecoloxismo e a Arte.

Neste último campo está a mencionada exposición, no amplo e iluminado hall do Auditorio no que a pintora Elhaba Carballo, como comisaria, coordina a mostra ‘A Musa da Paz’. Son esculturas e pinturas de variados formatos, materiais e técnicas, que os artistas levaron, algúns deles na man, como Ferrer ou Prada. Así ata vintesete, ás que se engadiu no cuadríptico de man a do Cristo de Manzano que se acha noutra estanza na compaña da de Vasallo, aínda que esta non vai incluída no elenco: esto, xunto co feito de que algúns poñen dúas obras, é un modo de proceder que semella contadicir o espíritu da xuntanza. Este faise corpo nos títulos dalgunhas das obras, que se asocian xaora exprofesso ao tema elixido, como ‘A Paz do espello’, cadro en verde espranza dapropia comisaria, ‘Paz encuberta’ obra moi realista de Tono Lorenzo Guisado dunha escena de bazar musulmán, a ‘Arquitectura da paz’ de Xosé Luís Otero, moi suxestiva polos amplos empastes, ocres e terras, con espátula do monte agachan un resol de lume no interior. E con eles, a de Ruth N. Lodeiro ‘La paz de los ojos velados’, interesante peza escultórica de lixeiras láminas cerámicas onduladas a dúas cores, como as follas de patacas fritidas, corpo anélido regular con dúas de maior tamaño no centro, suxeitas todas por unha corda: símbolo e metáfora dos soños. Na de Irene Silva dúas mulleres enloitadas levan o pesado fardel da Paz entre cordas, e o Pombal-torre de Karballo, unha acaída construcción escultórica con craves dende a metonimia. E ademais Ana Costas, Otero, Sara Bello, Sula Repani, Tatiana Lameiro, Xosé Rivada, aLeXandre, 

Yolanda Carbajales, Irene Lumbreras, Arantza Pardo, Beatriz Ansede, Loreto Blanco ou Tareixa Taboada e Moxom. Paga a pena velas, e tamén Antonio Souto, Ramón Conde, César Prada e Tony Ferrer, polo que aportan ao abano. Aínda que para nós, con Lodeiro, é Galobalo de Fernando Barreira, un capón con espolóns nunha columna xónica, e as ‘Palabras precisas para prender un lume’ de Soledad Penalta as pezas sobranceiras. E cando o poder do amor supere o amor ao poder, que dixo J. Hendrix...

Te puede interesar