Miguel Santalices, Vicepresidente primeiro da Mesa do Parlamento de Galicia

'É necesaria unha reforma integral para preservar o sistema de saúde'

Miguel Santalices, vicepresidente primeiro do Parlamento. (Foto: LR.)
Desde o pasado martes, o deputado ourensán Miguel Santalices ocupa o sillón que Manuel Baltar deixou libre na vicepresidencia do Parlamento trala súa marcha á Deputación. Declarado defensor do 'ourensanismo' e membro da Cámara dende fai tres lexislaturas, Santalices pretende centrar unha boa parte dos seus esforzos en 'salvagardar o sistema galego de saúde'.
Vostede repite no cargo de vicepresidente do Parlamento, os retos seguen a ser os mesmos?
É unha gran responsabilidade substituír a Manuel Baltar e, aínda que xa estiven no cargo con anterioridade, agora vivimos nunha situación completamente distinta e cuns niveis de complicación que non había cando fun vicepresidente. Ademais, Baltar deixa o listón moi alto e esta é unha impresión que me fixeron chegar moitos dos deputados.

Pareceulle axeitado o proceso de relevo presidencial na Deputación de Ourense?
Creo que a Deputación gaña un bo xestor porque Manuel Baltar é un home cunha grande capacidade organizativa, que sabe dirixir e delegar. Ademais, ten unha gran madurez política porque pasou pola vida municipal como concelleiro; pola vida parlamentaria, onde dirixiu e moderou os debates; e tamén foi delegado da Consellería de Cultura, polo que coñece moi ben a xestión pública. Respecto a elección foi absolutamente democrática porque se podía presentar calquera deputado, pero decidíronse por el. Ineludiblemente, sempre vai haber comparacións co pai, pero a única ligazón entre eles é a defensa do ourensanismo por enriba de todo, algo que tamén nos inculcou ós deputados por Ourense.

A ausencia de Feijóo no pleno de investidura interpretouse como un rexeitamento deste proceso e, incluso, como unha fractura interna.
Coma partido estamos máis unidos ca nunca e os últimos resultados electorais están aí, Baltar coordinou a campaña en Ourense e conseguiu a maior cantidade de votos das catro provincias. Respecto a ausencia de Feijóo, non teño constancia de que teña acudido a ningunha investidura nas deputacións.

As escisións no BNG e as divisións internas no PSdeG previas ó seu congreso, poderían ser o factor definitivo para o sonado adianto electoral?
O que diferencia o grupo popular da oposición e que nós somos absolutamente respectuosos e non entramos a valorar os problemas do BNG e PSdeG. A oposición ten enfrente un partido que só se centra en gobernar con esforzo porque é momento de arrimar o ombreiro desde o punto de vista da difícil situación de crise económica que atravesamos, polo que o adianto electoral valorarao o presidente no momento oportuno.

Compaxinará esta nova responsabilidade coa presidencia e portavocía da Comisión de Sanidade?
Si, porque a sanidade é un asunto ó que sempre estiven moi vencellado e que me gusta, sobre todo, agora que este tema preocupa moito á sociedade.

As propias organizacións colexiais de médicos criticaron recentemente os recortes en sanidade, corre risco de desaparición o sistema público de saúde?
O presidente xa advertiu fai algún tempo sobre o perigo que corre o Sistema nNacional de Saúde porque arroxa un déficit de entre 16.000 e 18.000 millós de euros, unha cifra moi preocupante. Ninguén dubida de que este sexa un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, pero para poder preservalo requírense esforzos e abordar unha reforma integral.

En que se materializarían estos cambios no sistema sanitario?
Primeiro, habería que introducir medidas para que o usuario faga unha aportación máis equitativa na prestación farmacéutica tendo en conta os niveis de renta. Por exemplo, un traballador en activo con pluripatoloxías ten que aportar o 40% do prezo dos seus medicamentos, que é un custe engadido alto, mentres que os pensionistas non aportan nada. Este é un debate que está na rúa e débese trasladar ás institucións. A racionalización do gasto tamén se pode facer centralizando as compras hospitalarias ou adecuando os xeriátricos para que teñan a súa propia prestación farmacéutica e evitar así un bo número de ingresos. Estas son algunhas das propostas que nos gustaría impulsar desde Galicia para chegar a un pacto estatal.

A implantación do copago está na axenda da Xunta?
Somos máis partidarios das reformas para manter a sosteñibilidade dos sistema sanitario que en implantar o copago.

Polo que di, a única salvación do sistema sanitario pasa por facer máis recortes.
O Sistema Galego de Saúde é o que mellor está saíndo parado da crise en comparación con outras comunidades autónomas que xa non pagan a prestación farmacéutica. Falo de recortes e refírome a racionalizar o gasto porque en Cataluña, como estamos a ver, os recortes tradúcense no peche de plantas de hospitais, centros de saúde e no cobro dun euro por cada receta. Aquí, en Galicia, co catálogo de medicamentos puidemos aforrar 104 millóns de euros, o que nos deixa unha marxe de manobra importante para non mermar nin un ápice a asistencia sanitaria.

En que situación está o proxecto de ampliación do CHUO?
A ampliación do CHUO é un porxecto moi importante cofinanciado a través de distintas institucións e que, entre outros aspectos, suporá unha reforma hoteleira integral que, por certo, é moi necesaria, pero significa unha aposta moi clara polas infraestruturas sanitarias, como tamén é o caso do macrohospital de Vigo, a ampliación do hospital da Coruña ou a construción dun novo complexo en Pontevedra.

Respectaranse os prazos anunciados par licitar a obra antes do remate deste ano?
A etapa máis complicada xa pasou, que foi a de conquerir os fondos necesarios. Si é posible que se comecen a licitar partes este ano, pero trátase dunha tramitación administrativa complexa porque se manexan fondos de diferentes institucións. Sen embargo, podemos estar tranquilos porque xa está garantida a súa construción.

Que opcións se manexan para darlle uso ó hospital de Toén?
O espazo que deixa o hospital de Toén é certamente importante, poderíase dicir que se pretende darlle un uso sociosanitario ou de tema social polas súas características, pero é unha cuestión que aínda está en fase de consulta.

Te puede interesar