Noa Presas: “Non teño ritmo para nada, nin sequera para aplaudir”

Noa Presas tomando un chocolate, aínda que di “son máis de café”.
photo_camera Noa Presas tomando un chocolate, aínda que di “son máis de café”.
Noa Presas, cabeza de lista ao Parlamento Galego por Ourense, asegura que é “unha persoa bastante responsable, a veces demasiado preocupada” e aínda que recoñece que é de “enfadarse rápido” tamén di que “non me dura”. Non lle gusta falar de si mesma, “dáme vergoña”. 

Non ten televisión. “Rachou a que tiña e non collín outra”. Di que agora vive entre “prensa, podcasts e redes sociais”, e engade, “tamén series claro, e sobrevivo ben”. Antes de que a campaña comezase, estaba a ver House of Cards, “empecei porque gustoume moito Borgen” pero non se sinte identificada con ningún personaxe: “A realidade é moi diferente, non é o mesmo”.

Sen televisión seguramente ten máis tempo para gozar doutras cousas, como ver cinema, “aínda que non tanto como quixera. No OUFF vin O Corno e Honeymoon, e encantarónme”. Ou como ler. “Gústame máis a narrativa, pero tamén leo poesía. Penso que temos moitos poetas galegos que están a despuntar e dalgúns gardo frases na miña memoria”. Como exemplo, recita unha de Lupe Gómez, autora que recomenda, “a verdade é demasiado fea como para non darlle patadas”.

E aínda que en canto a xéneros, elixe a novela negra -“agardo ansiosa polo mes de abril para o novo libro do ourensán Diego Ameixeiras”- coñece o nome de Corín Tellado: “Claro, a miña nai tiña libros dela na casa pero nunca probei”.

O que se proba encantada é un prato de patacas e ovos, que non dubida en elixir antes que outro cociñado por Dabiz Muñoz, “sobre todo, se os ovos son caseiros”.

Xustamente, a comida é un dos luxos cos que de cando en vez se premia: “Gústame moito a boa comida e o bo viño, non me importa gastar para comer ben”. Pero co viño non exerce de catadora, “déixome guiar pola miña amiga Hilda, que é a experta na cuadrilla”.

As xuntanzas coas amizades non faltan na axenda de Noa Presas, aínda que xa non rematan como hai algún tempo. “Nos últimos anos, un pouco máis cedo, varias das miñas amigas xa teñen fillos e fillas e retiramos antes”. Pero iso non impide que se confese “fan da noite ourensá” e recoñeza que pode acabar “polo menos, no Gato Negro”. Non ten claro se é unha ave diúrna ou nocturna, “son moi contraditoria niso, son das persoas que espertan moi cedo e están moi produtivas, pero que de noite tamén despexan”. Tampouco é quen de decidir entre Luis Tosar ou María Vázquez: “Para que escoller se podemos gozar dos dous”.

O que ten máis claro é onde mercar, “tento evitar facer compras por internet. Prefiro facelo en Ourense, sobre todo cousas que poida probar ou devolver na cidade, pero ás veces acabo por caer no internet como todo o mundo”.

E ao tempo de facer as contas, agora xa é máis doado. “Son de letras, pero nestes intres xa estou reconciliada cos números. No Parlamento tocoume levar Facenda e pasei da Filoloxía á ciencia económica. Aínda que si, era das que suspendía mates no instituto”.

Nesa época gustáballe a serie “Al salir de clase”, de nena eran os debuxos animados dos “Trota músicos”, “eran xeniais”, e na carpeta máis adolescente de Noa Presas atopábanse tamén as Spice Girls e os Backstreet Boys, “logo pasei á madurez coa música indie”. Pero non para bailar: “Teño absoluta falta de ritmo, non sei tocar ningún instrumento, non sei bailar, ata para aplaudir non sei seguir o ritmo”.

Bota de menos poder aburrirse, “non teño tempo para iso”, e estraña un pouco os domingos de tranquilidade, sofá e manta, “son os meus favoritos”.

Pero se ten que viaxar, non queda na casa e declárase “do grupo das que organiza, son desas. Pero son flexible, aínda que gústame ter as cousas planificadas”. Ao tempo de elixir compañía, prefire viaxar con pouca xente, “é máis doado planificar desa maneira”. Iso si, estea onde estea, o chocolate non pode faltar na súa vida: “Máis que vicio, é xa unha necesidade. Eu non podería vivir sen el”.

Te puede interesar