A Noite Moucha levará á Valenzá ao afastado oeste

Este é un dos eventos estrela do comercio de Barbadás e retómase tralo parón polo covid

Barbadás trasladarase ao afastado oeste por un día, o vindeiro sábado, grazas á iniciativa Noite Moucha, organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) da Valenzá e no que colabora o Concello de Barbadás. Catorce comercios participan nesta primeira edición trala pandemia, recuperando un dos eventos estrela do comercio barbadés. Na presentación estiveron presentes a presidenta do CCA da Valenzá, Alejandra Rodríguez; a concelleira de Comercio, Marga Pérez; e Beatriz Mosquera, Ángeles Romero e Gloria Martín de tres dos comercios que participan. Os comercios poderán abrir ata a medianoite e haberá descontos especiais e un sorteo.

Rodríguez explicou que “este evento está dirixido aos máis cativos e á xente do barrio”. Ao estar ambientado no afastado oeste, tanto as tendas coma os comerciantes estarán caracterizados para a ocasión. Ademais, haberá un sorteo de premios en función das compras realizadas durante o día do evento, este sábado. O premio terá un valor de 500 euros, dividido en vales de 18 euros para canxear no comercio local, e anunciarase ás 1,30 horas, no descanso da orquestra París de Noia, que actúa ese mesmo día no marco das festas da Valenzá. Entre as actividades dirixidas a nenos figuran unha xincana, a busca do tesouro ao mellor vaqueiro e tamén está prevista unha actividade de globoflexia de pintacaras.

No evento participan 14 comercios: Elma, Mimi flores, Librería A Valenzá, Bell moda, Calzados Zocos, Moda Calviño, Utile Mobles, Twins Men, Twins, Gaia contigo, La Cigüeña e Más que un sueño.

Pola súa banda, Marga Pérez afirmou que “hoxe presentamos unha nova actividade de dinamización do comercio local de Barbadás, unha máis das que se están a desenvolver durante todo o ano”. Engadiu ademais que “dende Comercio estamos colaborando sempre coas propostas que se nos presentan e estamos aquí para apoialos en todas as actividades que queiran desenvolver porque, como dixemos en máis dunha ocasión, os comerciantes son o motor do noso concello, unha parte viva, son postos de traballo”.

Te puede interesar