EN OURENSE

O orgullo de ser ourensán

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou o“ourensanismo” de Carlos Casares, que lle fai merecedor da medalla de ouro provincial

O Liceo de Ourense acolleu onte o acto de homenaxe ao escritor limiano Carlos Casares por parte do Parlamento de Galicia, que contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde da cidade, Jesús Vázquez; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Consello dá Cultura Galega, Ramón Villares, e o presidente da Fundación Calos Casares e do Liceo, Xabier Casares.

Na súa intervención, o conselleiro definiu a Casares como "un galeguista optimista e comprometido co país" moi valorado en vida, pero que logo de cumprirse quince anos do seu pasamento, a súa figura e a súa obra resulta "imprescindible para comprender a Galicia actual". Rodríguez destacou as súas achegas no eido institucional, como parlamentario autonómico, ou a fronte de organismos clave da cultura como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, onde sempre actuou coma máxima responsabilidade e coa mesma dilixencia que dirixiu Galaxia.

O presidente provincial, pola súa banda, destacou de Casares que o seu modelo "foi integrar e sumar, razoar con sensatez, nunca discriminar previamente, e menos aínda, sentenciar verdades absolutas".

Engadiu Baltar que Carlos Casares "levou consigo con orgullo, onde queira que fose, a súa condición de ourensán; para el, e para nós, a mellor maneira de sermos galegos".E resaltou que o escritor limiano practicaba o ourensanismo como Risco, como Cuevillas e Otero Pedrayo, como os de Nós e os de antes que os de Nós… Con enxeño e a simpatía, como Pío Ramón Oxea",  a quen lembrou que "honraremos  ó longo de 2018".

Baltar adiantou que, por esta razón, desde a Deputación, en proba de agradecemento, outorgámoslle a Carlos Casares a nosa Medalla de Ouro, meirande distinción deste territorio, que abrangue moito máis ca unha provincia", suliñou o presidente provincial.

Te puede interesar