"O Ourense do século XIX foi unha cidade de barbeiros guitarristas"

Entrevista

Isabel Rei Samartim é a autora da tese de doutoramento "A guitarra na Galiza"

Isabel Rei Samartim
Isabel Rei Samartim

A cidade de Ourense é protagonista na historia da guitarra galega en tódolos eidos: interpretación, composición musical e construción do instrumento. Son conclusións da tese de doutoramento "A guitarra na Galiza", de Isabel Rei, que amosa a súa traxectoria histórica do século XII ao XIX. "É un instrumento galeguísimo e ourensanísimo", reivindica a autora. Esta tese, xa dispoñible no repositorio do Ministerio de Educación, custou sete anos de traballo e consta de 1.700 páxinas en varios tomos.

Como xurdiu a idea e motivación para este traballo?

Son guitarrista clásica, procedo dunha familia de músicos e quería saber o que aconteceu en Galicia ao longo do tempo con este instrumento. Ao final, conformei unha historia da guitarra galega, que non pode entenderse sen ter en conta a Ourense.

Por que acadou esta relevancia?

_ramon_gutierrez_parada_resultado
_ramon_gutierrez_parada_resultado

Porque, principalmente, durante o século XIX xorden nesta cidade moitos guitarristas históricos como Ramón Gutiérrez Parada, nado en 1871. Foi un barbeiro que, a pesar de estudar pola súa conta, creou composicións para banda, grupo de cámara e guitarra, e tamén tocou o violín. Curiosamente, na cidade de Ourense houbo moitos barbeiros guitarristas. Tamén podemos mencionar a Modesto Casasnovas ou Xosé Fernández Silva, quen alcanzou tal sona que unha das guitarras que construíu está exposta no Museo Nacional de Hungría.

E no que respecta ao resto da provincia?

En Trives, temos a Cesáreo Alonso, que musicou o poema de Curros Enríquez "Cantiga", logrando o hit galego "Unha noite na eira do trigo", que triunfou durante o primeiro terzo do século XX. Outro virtuoso foi Eulogio Gallego, de Xinzo.

No día de hoxe, hai quen continúa esta tradición ourensá?

Claro, guitarristas como Manuel Herminio, Juan Enrique Miguéns ou Marcos Díaz. A guitarra é tan galega como a gaita.

E tamén haberá expoñentes históricos do resto de Galicia.

Por exemplo, o ferrolán Juan Parga, o máis virtuoso dos guitarristas galegos do século XIX. Foi coñecido en toda a península e en Cuba, onde emigrou, e creou músicas da súa terra e das de adopción, como facemos os galegos ao marchar. Queremos integrarnos pero tamén temos morriña. Consérvanse abraiantes críticas dos seus concertos, e as súas partituras.

Contenido patrocinado

stats