CULTURA

Ourense no mapa da RAG

Ourense. 2-04-2017. Recorrido oteriano por el cementerio de San Francisco. Paz
photo_camera Freixanes (3i), na homenaxe a Otero Pedrayo en San Francisco, o seu primeiro acto coma sucesor de Alonso Montero (bufanda vermella) na RAG.

Tras o debate sobre a presenza de mulleres na Academia das letras galegas, xorde outro sobre a falta de intelectuais ourensáns nas súas filas, logo de ser, no seu tempo, o berce da Xeración Nós e a "Atenas de Galicia". 

O pasado 28 de marzo, o escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes foi elixido novo presidente da Real Academia Galega (RAG). A súa foi a única candidatura e recibiu o apoio de 18 dos 19 académicos presentes nunha sesión plenaria marcada pola cita electoral. Ningún deles era ourensán. Trala renuncia de Xosé Luis Méndez Ferrín como presidente e membro numerario, en marzo de 2013, e pendente de que a poeta María Xesús ‘Chus’ Pato pronuncie o seu discurso de ingreso, Ourense non conta con representación na Academia.

Se ben algunhas voces sinalan que son moitos os persoeiros da cultura ourensá os que poderían ter voz e voto neste asunto, non tanto pola súa orixe, senón polo seu percorrido. Así o considera o escritor alaricano e Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde. "Eu non creo moito en que teñan que ser os condicionamentos xeográficos os que determinen os membros da Academia, en fin, iso que nos partidos políticos chaman baronías -afirma Conde-. Pero o peso histórico dunha cidade como Ourense, que aportou á cultura galega todo o que aportou, onde se fixeron Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, etc, algún pouso deixarían na cidade. E algunhas das figuras da cidade deberían estar alí, non por ser de Ourense senón polo peso e pola traxectoria, e presencia que transmiten", conclúe.

Mantendo o símil coa política, para o xornalista e secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, é preciso un debate sobre a cuestión territorial, ao igual que anteriormente se reflexionou sobre a cota feminina -"que era evidente que era baixa", sostén-. Sobre a representatividade de Ourense na Academia asegura que"é certo que non ten que haber unha cota pechada, por representación proporcional como é o caso do Parlamento, pero igual que a equidade non ten sentido non o ten a desigualdade ata os niveis deste momento", afirma o celanovés. Tamén quita ferro e continúa: "Todas as institucións ao longo do tempo pasan por momentos álxidos, de esquecemento, de transición, momentos con problemas máis ou menos graves. As institucións son seres vivos colectivos, e que como calquera ser vivo, ten días felices, non tan felices, tristes, de enfermidade… e a todo iso lle teñen que dar unha resposta -afonda Piñeiro-. E a Academia, facendo ese símil lle ten que poñer remedio a esa enfermidade, que non é terminal pero si é seria e lle teñen que poñer cura. Pero non cunha mera aspirina, senón cun debate profundo, non só pola problemática interna senón tamén sobre qué papel ten xogar nunha sociedade tan cambiante como a actual".

Na mesma liña, o escritor Bieito Iglesias apunta: "Como se abriu o debate das cotas das mulleres, efectivamente agora habería que revisar unha cota de ourensáns, que é como mínimo tan importante como outra calquera provincia", salienta. Ó mesmo tempo, o catedrático Afonso Vázquez Monxardín tamén reclama: "Hai que tecer redes".

Hai quen concreta máis e focaliza na distancia coa sede da RAG -ubicada no número 11 da coruñesa rúa Tabernas- e na existencia dun "eixo Atlántico" a xénese deste desequilibrio territorial. "Non hai que esquecer que a Academia está situada na Coruña, e eso tamén marca unha distancia física con Ourense que ás veces tamén se deixa notar no pensamento das persoas", considera o escritor de Xinzo Antón Riveiro.

Do mesmo xeito, para o escritor e membro no exterior, en representación de Galicia, da Academia Argentina de Letras, Luis González Tosar, esta é unha problemática que "ten que resolver a Academia, como institución privada, porque o galego é de todos os galegos, dos de Ourense, dos da Coruña, dos de Pontevedra, dos de Lugo, dos que están en Venezuela, dos que están en Berlín, en Buenos Aires… A lingua galega é patrimonio de todos os galegos mesmo dos que non o falan".

O irmán do intelectual ourensán Carlos Casares, Javier Casares, apunta que "Ourense merece ter unha boa representación por ter sido a cuna da Xeración Nós, e a cidade máis literaturizada de toda Galicia que durante moito tempo déuselle en chamar a Atenas de Galicia polo seu peso cultural".

Para o investigador cinematográfico e recente Premio Blanco Amor, Miguel Ánxo Fernández, este desequilibrio non só se vive na RAG. " Ben é certo que esta é unha situación que se da tamén noutras academias, como a do Audiovisual, entón quizáis compre unha reflexión seria nesta dirección", replica.

¿E de poder entrar na rag?

Sobre a hipotética posibilidade de formar parte da Academia, con matices, uns non aclaran a súa posición, e outros apuntan noutra dirección. A Alfredo Conde "xa se lle pasou o tempo de entrar na Academia", e para Antonio Piñeiro "non é nin plantexable" porque considera que "non é o perfil". Algo semellante pensa Antón Riveiro, que entende a literatura "algo máis afastada destas institucións". Bieito Iglesias prefire "dedicarse ao seu", e Miguel Ánxo Fernández cre que "na literatura entrou tarde". 

Te puede interesar