COMISIÓN DE SEGUEMENTO

Un parque, un aparcadoiro e un local veciñal no espazo da vella depuradora de Reza

Ourense. 27-01-16. Local. Comisión de seguimento con Acuaes sobre o saneamento e abastecemento de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Comisión de seguimento con Acuaes sobre o saneamento e abastecemento de Ourense. (XESÚS FARIÑAS)

O alcalde de Ourense Jesús Vázquez e o concelleiro de Infraestruturas, José Araujo trasladaron esta demanda á empresa responsable da construcción da nova estación

"Dotar á localidade de Reza dun novo parque público, habilitar prazas de aparcamento que den servizo a este espazo verde e á zona termal e un local para uso da asociación de veciños". Estes son os obxectivos da actuación que o Concello de Ourense quere acometer nos terreos que ocupa a actual estación depuradora que quedarán dispoñibles cando remate a construción da nova, que actualmente executa Acuaes, Aguas de las Cuencas de España.

O alcalde de Ourense Jesús Vázquez e o concelleiro de Infraestruturas, José Araujo trasladaron esta demanda por parte do Concello á delegada territorial de Aguas de las Cuencas de España S.A., Isabel Pérez-Espinosa, no trancurso da comisión mixta de seguemento das obras do novo abastecemento á cidade e da nova depuradora.

A vontade do Concello, que recolle unha petición expresa da veciñanza de Reza é aproveitar os terreos que quedarán dispoñibles cando remate a construción da nova depuradora e se proceda a demoler a actual.

Os terreos recuperados permitirán dar resposta tamén a outras necesidades da zona, como son o acondicionamento de prazas de aparcamento neste espazo utilizado por veciños e visitantes da cidade no seu tempo de lecer, incluido no itinerario de paseos peonís das marxes do río Miño, e que conecta á súa vez coas áreas termais. Tamén se enriquecerá o atractivo da zona, tanto para os veciños da localidade, que contarán cun novo espazo verde e de lecer, como para os milleiros de persoas que se achegan a el.

Tamén se acordou que un dos edificios da actual estación non sexa demolido, para que poda ser o novo local veciñal.

Concello e Acuaes seguirán a manter novas xuntanzas para avanzar nesta intervención, que deberá plasmarse nun proxecto técnico que definirá o alcance, características e orzamentos das obras concretas a realizar.

Te puede interesar