OS XARDíNS DE OURENSE

Paseo das Ninfas

Paseo das ninfas (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera Paseo das ninfas (XESÚS FARIÑAS)

A historia da cidade de Ourense está vencellada intimamente pola presencia do considerado como o pai dos ríos galegos, o Miño. Ámbalas marxes do mesmo constitúen o gran pulmón da cidade. Darse unha volta por ambas ribeiras descubrindo innumerables e agradables sorpresas é todo un feito feliz: zona de paseos, áreas de recreo e lecer, espazos axardinados, singulares augas termais e termas, edificacións de marcado carácter etnográfico, etc. son algunhas das posibilidades do visitante ante un sosegado desfrute da natureza, todo grazas ás axeitadas actuacións efectuadas polo Concello de Ourense maila Confederación Hidrográfica do Miño, esta última, organismo autónomo dependente do Ministerio de Medio Ambiente. Todo esto permitiu a transformación desta antano esquecida zona da cidade para convertela felizmente nun paseo “natural” dunha lonxitude total de 15 quilómetros de percorrido entre ambas marxes.

O coñecido como Paseo das Ninfas, ou Paseo e Xardín de Reza, situado na ribeira esquerda do río Miño, a carón da estrada autonómica OU-402, resulta un lugar idóneo para desfrutar da propia natureza, constituíndo á súa vez un espazo singular digno de todo eloxio. Así, a partir da execución dun proxecto básico de acondicionamento e posta en valor desta zona tan cercana a Ourense, financiado polo Proder e complementado ca pasarela peonil de Outariz, que une ou enlaza ambas zonas de paseo situadas a ámbalas marxes do río, constitúe, sen dúbida, un verdadeiro paseo moi preto da cidade.

O transitado Paseo das Ninfas ca súa zona axardinada especialmente deseñada para o camiñante que sabe valorar un espazo singular de relax con forte contacto ca natureza, constitúe un lugar idóneo para repoñer as forzas perdidas ademais de eliminar, de xeito natural, o colesterol mailo estrés diario acumulado ó longo de toda a xornada.

Unha sucesión de espazos verdes arborados dan sombra a un parque de xogos deportivos para todas as idades, que contén: circuíto deportivo “Lappset”, formado por: escaleira de dedos, barras altas, asento con barras, barras a media altura, ponte de listón móbiles, barra fixa ondulada, etc., ademais doutra zona dedicada a elementos deportivos: banco de abdominais, barras paralelas, para tres e de saltos, poste de extensión, etc. Tamén conta cunha ampla zona de aparcamento para vehículos a motor.

A Ruta das Constelacións, visible tanto en verano como no outono, atópase presente mediante un observatorio orientado cara a constelación Cygnus, encadrada en plena Vía Láctea, que asemella a figura do voo dun cisne.

Salgueiro nodoso, utilizadas noutro tempo as súa polas para facer cestos; castiñeiro maila nogueira, todos representantes dos caducifolios; ademais dos perennifolios como: figueira, sobeira, érbedo mesturados con algunha que outra antiga oliveira, sen esquecer, preto do río, da bonita presencia do lirio, utilizado antano para confeccionar tinxe para a roupa, son algunhas das especies botánicas presentes nesta zona ribeirega do río.

Te puede interesar