en ourense

A poesía recorre o Camiño

fatimacaminoss
photo_camera A poeta Fátima N. Delgado.
Co programa "Ameto mítico" da Fundación Uxío Novoneyra, cinco poetas están a peregrinar cara Santiago para achegar a lírica aos veciños durante o percorrido. Entre os participantes atópase a barquense Fátima N. Delgado, única galega do proxecto.

O pasado martes comezou a residencia artística "Ameto Mítico" que promociona a Fundación Uxío Novoneyra coa colaboración da Xunta e o Xacobeo 2021. Cinco poetas achegados de diversas partes do mundo, entre os que se encontra a barquense Fátima N. Delgado, arrancaron o Camiño de Santiago dende O Cebreiro.

"O proxecto ten por obxectivo actualizar a poesía xacobea ou a lírica tradicional, partindo da obra de Novoneyra chamada 'Arrodeos e desvíos', que trata do Camiño e dos trovadores", explica Delgado. Agora atópanse na primeira fase da residencia coa peregrinación a Santiago. A segunda parte desenvolverase en centros de ensino de O Courel, Lugo e Santiago. "Prepararemos lecturas poéticas para recitar e conversas cos estudantes", sinala a poeta.

Durante o camiño, os artistas elaboran novas pezas poéticas para "dar a coñecer outro tipo de poesía e vencellalo con Uxío Novoneyra". Esta nova experiencia vívea con catro compañeiros máis aos que non coñecía. "Somos un grupo moi compacto, temos diferencias na forma  da nosa poesía pero pegamos ben coas personalidades, estamos todos encantados", afirma Delgado.

Fátima foi a única galega escollida para esta residencia, nunha fase previa de selección que contou con participantes de lugares moi diversos. "Sintes un pouco de responsabilidade  por acollelos e ensinarlle cousas nosas, pero eu tamén coñezo os seus países porque esto ao final é un intercambio cultural", comenta.

A poeta recoñece a importancia de chegar aos estudantes máis novos, para que non se perda a tradición cultural da poesía:"É importante beber dos clásicos e, para conectar cos nenos, facemos unha ponte coa poesía actual, de ahí a nosa laboura de reactualziar e darlle o noso estilo". Queren mostrarlle aos nenos que a poesía non só reside nos libros, que é algo que "está vivo".

Ao rematar, formarán parte do festival Eidos de Outono que durante tres días xuntará poesía e música no Courel. "Imos recitar no festival e xuntarémonos con toda a festa", apunta Delgado. 

Te puede interesar