Francisco Rodríguez: "O PP e o PSOE somos adversarios e así seguiremos, pero pode haber acordos"

Francisco Rodríguez, candidato do PSOE á alcaldía.
Francisco Rodríguez, candidato do PSOE á alcaldía. MARTIÑO PINAL
photo_camera Francisco Rodríguez, candidato do PSOE á alcaldía. MARTIÑO PINAL
Entrevista en profundidade ao candidato á alcaldía de Ourense polo PSOE 

Francisco Rodríguez era ata hai nada “un feliz xubilado” pero iso vai quedar atrás por un tempo xa que será candidato á alcaldía de Ourense nas municipais do ano próximo. Pecha un paréntese aberto no 2012 cando tivo que dimitir de rexidor, imputado na Operación Pokemon, que se quedou en nada. “Farto” de liortas políticas parece conciliador e aberto a pactos, pero sobre todo disposto a recuperar a cordura, que fuxiu do Concello hai uns anos.

Cales foron as razóns que lle levaron a dar ese paso dez anos despois de deixar a política activa?

Hai varias cousas que influíron, unha delas é a deriva na que caeu o partido dende o punto de vista orgánico, que non foron capaces de resolver o conflito interno que tiñan. Por outra parte, o sentimento que temos todos da deriva da cidade dende o punto de vista político. Son consciente de que os anos non pasan en balde, pero tamén pensei moitas veces en recuperar un proxecto ilusionante que había hai algúns anos e que era compartido por amplos sectores da sociedade, que tiñan claro cara onde había que conducila e que quedou parado con consecuencias irreversibles. Falouse na Universidade hai pouco do AVE e da estación que estaba proxectada e agora vemos que xa se fixeron cousas que resultan imposibles de arranxar. Ise é un exemplo, pero hai outros: a imaxe da cidade en xeral é tremenda. Debo recoñecer que na rúa a xente nos di que isto non pode seguir así. Estes factores, e tal vez sin meditar moito as consecuencias persoais, foron desencadeantes para pensar que eu podía aportar algo de sentidiño e cordura.

Como cree que entende a cidade este regreso, mesmo o de Manuel Cabezas polo PP?

Só pode ter unha explicación que nos debería facer reflexionar a toda a sociedade: se a política era un privilexio, os partidos clásicos non son capaces de incorporar a persoas que realmente pensen en colaborar, aportar e demostrar ganas de traballar pola cidade. Os partidos son os instrumentos necesarios para transformar a sociedade e iso non se está producindo. 

Pero no caso socialista había aspiracións para ser candidato ou candidata outras persoas.

Claro que as había pero facía falta entendemento por riba dos intereses persoais. Iso haino que resolver e as persoas que militan teñen que entender que é necesario atopar puntos de encontro para facer propostas cribles e apoiadas pola maioría das agrupacións. Eu percibo que foron incapaces de pactar unha proposta. O que se percibía era unha loita interna que impedía sacar unha candidatura con certa tranquilidade.

Están moi caras as maiorías para as eleccións?

Moi caras, hai que ser realista. Para gobernar o mellor é ter unha ampla representación froito de acordos. Iso vainos obrigar a entendementos, temos que recoller a diversidade da poboación para chegar a eses acordos e témonos que acostumar a iso, non queda outro remedio.

Que cultura de pactos debe instalarse na futura corporación se parece que non a hai?

Iso é imprescindible. Ás veces os pactos son imposibles pola imposición dos propios partidos políticos. Está establecido que eu non podo pactar co PP porque parece delito e o PP non pode pactar comigo porque é delito. Se hai representantes democráticos nas institucións pode haber acordo. Non ten por que ser malo. Máis alá de respectar os resultados electorais estarei sempre aberto a acordos que posibiliten unha gobernabilidade e desbloquear temas vitales para o futuro desta cidade. Ese será o meu credo e se alguén non o entende, que lle imos facer.

Pero falta cultura política para entender un pacto PP-PSOE para situacións límite como a da cidade.

Si, totalmente dacordo. Ninguén vai discutir que o PP e o PSOE son adversarios e ten que seguir sendo así pero iso non ten que implicar que non haxa posibilidades de acordos. En outros países isto dáse sin problema e funciona estupendamente. En Ourense, nunha situación excepcional cando se rompeu o goberno xa hai dous anos, sería bo que se chegara a un acordo entre os dous partidos en grandes temas, pero iso non se fixo. Ourense non está para andar con moitas bromas, está nunha situación de excepcionalidade.

Entonces Manuel Cabezas sería un bo tenente de alcalde de Francisco Rodríguez ou ao revés?

Neste momento é suficiente con saber que temos que cambiar a dinámica desta cidade, que creo que foi perxudicial. Non sería necesario saber quen sería tenente de alcalde de quen, ese é un escenario chocante, pero o máis importante é a boa disposición para o entendemento nos grandes temas. Niso estou seguro. Discutiremos, por suposto, pero sempre dentro do respecto e a educación.

Polo tanto é inviable no próximo mandato un pacto con Jácome e co que representa?

Non teño liñas vermellas na acción política sempre e cando haxa ese respecto que demando e eu non sei se no seu grupo político poden cambiar as formas de actuar ata o de agora e se cambian eu repito que non poñería liñas vermellas pero agora mesmo, no escenario actual, sería complicado ou case imposible.

Cal é o seu proxecto de cidade?

O primeiro que hai que facer é recuperar a normalidade e a dignidade da institución, logo imos poñer os proxectos. Eu teño o meu pero sei que vou ter que contar co apoio doutros para levalos adiante. Temos que poñernos dacordo para crear un plan de urbanismo que dea garantías xurídicas e que permita aos inversores actuar aquí. Non podemos seguir cun plantexamento de 1986, hai que ter un novo instrumento para que esta cidade medre ordenadamente e xere riqueza. Outro asunto e no que eu teño unha espiña cravada é o proxecto da estación. O que había era extraordinario e non sei se se pode recuperar porque o que está feito non se pode cambiar, pero se se pode recuperar algo ímolo facer. Eu quero ser ambicioso nas políticas sociais porque vivimos nun momento difícil e eu creo que hai que ter unha sensibilidade especial.

Con que equipo quere contar?

A dirección do partido foi xenerosa coa miña petición de contar co meu equipo. Obviamente vai haber persoas do PSOE pero vou escapar dos cupos, das familias e todas esas cousas clásicas dos partidos. A estas alturas, un leva adiante o que ten na cabeza, senón é absurdo o esforzo persoal de estar nisto. Quero facer un equipo de xente da cidade e para a cidade. Agora mesmo teño nomes na cabeza pero nada máis. Teño por diante meses para facer este traballo, pero será un equipo aberto á sociedade.

A súa volta ten algo que ver con resarcirse socialmente ou no persoal despois dunha saída abrupta e traumática no 2012?

Foi unha situación inxusta que tivo consecuencias persoais e para esta cidade. É un tema que prefiro deixar atrás, non son unha persoa con rencores con ninguén nin teño necesidade de resarcirme. Cando saes á rúa e a xente te abraza eu con iso xa teño un resarcimento total e absoluto e non necesito nada máis. Quero pensar agora no futuro, quero darlle a Ourense algo mellor do que teñen agora porque o que teñen non o merecen.

Te puede interesar