Día das Letras Galegas

Primeiras homenaxes a Xela Arias polas Letras Galegas

photo_camera "Aquela nena de Sarria" llega a la Casa da Xuventude de Ourense para poner en valor la figura de la protagonista del Día das Letras Galegas 2021.
O Campus e o Espazo Xove inauguran unha exposición sobre a infancia da poeta de Sarria

As homenaxes a  Xela Arias con motivo do Día das Letras Galegas xa asoman pola cidade. Onte inaugurouse por partida dobre a exposición “Aquela nena de Sarria”, unha das mostras itinerantes preparadas pola Xunta, e que xa se pode visitar en dúas localizacións: no Espazo Xove -na rúa Celso Emilio Ferreiro- e na Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus.

A mostra abre citando unha íntima convicción que percorreu a biografía e a obra da poeta lucense: que “de certo, a vida ía en serio”. En calquera dos dous espazos, unha serie de paneis percorre os anos de infancia de Arias, rastrexando neles as sementes da súa produción literaria.

Durante a inauguración da mostra no Campus, a profesora Isabel  Mociño destacou que “é unha boa maneira de achegar ao alumnado a experiencia vital de Xela Arias”, e celebrou que se poden establecer conexións entre o futuro destes profesores e profesoras en potencia e a influencia que tivo Valentín Arias, mestre, na vocación da súa filla. “«Aquela meniña de Sarria» móstralles que a escola é un piar fundamental das nosas vidas”, insiste Mociño.

A exposición “Aquela nena de Sarria” no Campus poderase visitar ata mediados do mes de xuño.

A profesora Ana Iglesias apuntou que este non será o único acto de homenaxe a Arias no Campus. Adianta que haberá outra exposición, e lembra que o alumnado participa nun concurso baseado en reinterpretar a obra da poeta, “con resultados audiovisuais que comezaremos a difundir en liña este mes”. Os días 13 e 21 de maio, o Campus acollerá a especialistas convidadas para falar sobre Arias.

“É a primeira vez que esta facultade acolle unha celebración tan importante das Letras Galegas”, celebrou o decano, Xosé Manuel Cid, aínda que lamentou que as datas coincidan cos exames. “Nos descansos do estudo, convido os alumnos a pasar por aquí para aprender cousas que non saen no temario, pero son boas para a vida!”, destacou.

A inauguración no Espazo Xove estivo presidida polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen celebrou o modelo de Xela Arias para a mocidade. “A mostra -apuntou- é un gran de area para divulgar a cultura galega entre os mozos e dunha figura precursora da nosa literatura, que faleceu pronto -Xela Arias morreu con 41 anos, en 2003-, pero tivo unha longa actividade”. 

Te puede interesar