Un programador ourensán adapta ao galego o xogo viral do 2022

Abraham Martínez Gracia.
photo_camera Abraham Martínez Gracia.
Abraham Martínez é o autor da adaptación ao galego de Wordle, o xogo de moda das redes sociais deste principio de ano no que o reto é adiviñar unha palabra de cinco letras.

Wordle, o xogo máis viral deste 2022, xa ten versión en galego e é grazas a un programador ourensán, Abraham Martínez Gracia. A mecánica do xogo é sinxela e a posibilidade de compartir os resultados nas redes sociais fixeron que se convertira nun auténtico éxito. A idea orixinal foi de Josh Wardle, e tras ser traducido ao castelán, o pasado 11 de xaneiro saíu a súa versión en galego. O obxectivo é acertar unha palabrea de cinco letras en seis intentos nos que se van dando diferentes pistas. Se a letra está en gris significa que non pertence á palabra; se aparece en amarelo implica que está na palabra, pero noutra posición; e se se pon de color verde é porque a letra está no lugar correcto.

Abraham Martínez asegura que descubriu o xogo “a semana pasada pola súa versión en castelán”. Foi un proceso “dun par de horas” para adaptalo “non foi complicado”, xa que é de código aberto e non ten unha estrutura complexa. Aínda que non precisara de permisos para adaptalo, Martínez contactou co autor da versión en castelán, o colombiano Daniel Rodríguez, que felicitou ao ourensán pola súa iniciativa.

Martínez, que actualmente traballa no Centro de Supercomputación de Galicia, comparte a teoría de que a simplicidade e a opción de compartir os resultados son algunhas das razóns do éxito de Wordle, aínda que engade como punto positivo que “non pretende enganchar horas aos usuarios nin facer nada malo cos seus datos persoais como fan outras moitas aplicacións”. “O xeito no que foi pensado limita as partidas a unha por usuario e día, con duracións que non superan os 5 minutos e así podes seguir co teu día a día despois de xogar”, explica Martínez.

Pulo lingüístico

O programador ourensán considera que “é esencial que o galego teña presenza na cultura dixital” e que a nosa lingua apareza en eventos virais coma este demostra que “o galego está vivo”. Recoñece que “a loita pola supervivencia das linguas minoritarias en internet é dura, xa que é difícil prosperar nun medio tan globalizado”. Con todo, Martínez observa que a xente “ten moito aprezo á lingua e gosta de darlle visibilidade nas redes, aínda que sexa ir a contracorrente”. Isto demóstrase nas moitas felicitacións que ao longo destes días recibiu por adaptar este xogo ao galego.

“Penso que ter xogos coma este en galego axuda a normalizar a situación da nosa lingua nas redes sociais. Case catro milleiros de persoas participaron nel no primeiro día da súa publicación, moitos deles compartindo comentarios nas redes sociais empurrando á etiqueta #wordlegalego a ser trending durante varias horas. Sen dúbida un pulo para a nosa lingua en internet, aínda que sexa a través dun fenómeno efímero”, afirma Martínez. O certo é que o xogo ten cada día máis usuarios e volveu a ser tendencia en Twitter durante varios días.

Te puede interesar