OURENSE

Publicacións e actos literarios celebrarán o “ano de Blanco Amor"

A Deputación editará unha nova escolma dos artigos publicados polo escritor durante varios anos no xornal La Región

O ano de Blanco Amor. Así vai ser este 2014 para Ourense e para toda Galicia. Vai ser o ano de lembrar o 35 aniversario do pasamento deste escritor, quen en vida non recibiu apenas recoñecementos. Eduardo Blanco Amor foi, ademais do autor dun clásico literario coma "A Esmorga", periodista e autor dun gran número de artigos que publicou no xornal La Región. E precisamente a publicación dunha compilación destes artigos e, asemade, a compilación da correspondencia que diferentes persoeiros dirixiron a Blanco Amor ao longo da súa vida, documentos que se atopan nos fondos da biblioteca provincial, serán duas das accións que levará a cabo a Deputación de Ourense para festexar este ano especial, aprobado polo Parlamento de Galicia no pasado mes de abril.

O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o director xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar (que chegou con retraso á presentación), e a delegada territorial de Educación e Cultura, Mercedes Gallego.

Baltar definiu a Blanco Amor como “un xigante das nosas letras”, e destacou que neste ano, no que se cumpren tamén 250 anos do pasamento do Padre Feijóo, “a Deputación de Ourense vai levar a cabo unha serie de actividades que potencien e contribúan a promover aínda máis a figura e a traxectoria de Blanco Amor, un ourensán universal, de quen temos a obriga de recoñecer hoxe e sempre o seu legado literario”.

Baltar tamén fixo alusión á creación dunha fundación "para honrar a súa memoria. Son pasos dunha andaina irrenunciable". A Deputación acolle a súa biblioteca e o arquivo fotográfico do autor. Respecto o premio Blanco Amor de novela, un dos mellor dotados de Galicia, Manuel Baltar destacou que "xa estamos en conversas co Concello de Redondela (onde se inicou o concurso) para que o galardón comenze a ser organizado pola Deputación de Ourense".

Te puede interesar