La Región

EDUCACIÓN

As raíces inéditas de Ourense

Os corredores do IES Xesús Ferro Couselo son un labirinto de historias inéditas dos antepasados dos alumnos. O proxecto "Patrimonio Inmaterial" recupera oficios ou relatos da emigración a través de fotos, algunhas de máis de cen anos.

Algúns dos rapaces que participan no proxecto, no IES Xesús Ferro Couselo (JOSÉ PAZ).
Algúns dos rapaces que participan no proxecto, no IES Xesús Ferro Couselo (JOSÉ PAZ).
As raíces inéditas de Ourense

Eulogio Paz é o bisavó de Aritz Paz, un rapaz que cursa 1º da ESO no IES Xesús Ferro Couselo. Hai pouco enterouse de que o seu antepasado, nacido en Lobios no 1903, viaxou unha tempada como bohemio co fotógrafo Agustín Álvarez. Foron á Arxentina e presenciaron a primeira viaxe transatlántica dun avión español, o Plus Ultra, que chegou a Bos Aires o 10 de febreiro de 1926. A aquel acontecemento adicáralle un tango Carlos Gardel. O seu bisavó estivo alí e agora sábeo grazas a un proxecto do Departamento de Xeografía e Historia, impulsado polos profesores Xosé Lois Gómez e Óscar Vilas, que animou aos alumnos a recuperar fotos antigas. Chámase "Patrimonio Inmaterial" e os corredores deste centro educativo están cheos de historias inéditas. Un labirinto para agarimar o pasado pero, sobre todo, para recuperalo. Que os vellos e os sabios populares non morran con todo. Estamos a tempo de escoitar aos que marcharán e gardar as nosas raíces.


Un boi riquiño dos sesenta


20190616164424054_resultMaría Gómez, de 2º da ESO, ensina unha fotografía de 1960 na que os seus bisavós Castor e Celeste posan na feira do gando de Celanova. Ela coñecía esta historia porque o boi que levaban os seus antepasados era para un concurso. "Gañou o primeiro premio varias veces polas súas características e docilidade", explica a moza. "Contáronme moitas historias deles e esta coñecíaa. Tamén collín unha foto da miña avoa de cando foi ao colexio", conta.

 As imaxes dos antigos oficios, sobre todo no campo, abundan nas paredes do centro. Como a que presentou Adrián Pérez Vázquez, de 1º da ESO. Tres mulleres cargan leña na aldea da Seara (Cartelle). Unha é a súa bisavoa. É unha fotografía do 1930 e o rapaz explica que "antes non había máquinas e os traballos tíñanos que facer a man ou cos animais". Tamén Uxía presentou a foto de seu tío axudando á súa tataravoa no campo. "Antes os nenos tiñan que axudar máis no campo porque era do que vivían", anota a rapaza. Non é o único relato fotográfico de rapaces que tiñan que deixar a escola para axudar na casa.


Entroido de 1918


20190616164424101_resultHai fotografías que teñen máis de cen anos. Unha de 1918 mostra a unha nena disfrazada no Entroido. É Leonisa, en Ribadavia, a bisavoa de David Rodríguez. Outra forma parte da historia da "Pobre Asunción", a primeira vítima de violencia de xénero documentada na cidade, cuxa lápida é a primeira ao entrar ao cemiterio de San Francisco. Un rapaz do IES Xesús Ferro Couselo descubriu que era familiar súa.

Hugo Arribas recupera unha fotografía do 1954 no restaurante San Miguel da cidade, moi diferente ao actual. "O meu avó é o tamborileiro máis pequeno, tiña 10 anos. Eran o grupo escolar de gaitas Curros Enríquez e as propinas que recollían ían cara o colexio", explica na foto.

Xabier Rodríguez ten moita sorte. Non é o único. Presenta unha fotografía de 1964. "Está tomada cando a miña avoa vivía en As Neves. Cruzaban o Miño dende Salvaterra a Portugal. Daquelas ían a Portugal a comprar café, bacalao ou roupa. Como non había unha ponte, pasaban a través dun barqueiro. Dábanlle pesetas, non sei cantas, e levávanos ata Portugal", conta o rapaz. "Teño que agradecerlle aos profes este proxecto, porque podemos coñecer as nosas raíces", di. A súa avoa ten agora 85 anos e moitas historias que, seguro, gardará el para os que veñan. 

                                                     20190616164802269_result