Diarios do pasado

Ríos na historia de Ourense

Aspecto actual do val das Burgas
photo_camera Aspecto actual do val das Burgas
Augas quentes, pero sobre todo sagradas. Foron, seguramente, a razón simbólica que deu orixe a Ourense, á “cidade das Burgas”.

Ourense está nun territorio moi especial. Se ampliásemos progresivamente o zoom nunha fotografía aérea, observariamos como se suceden as paisaxes. De forma gradual, como se foramos diminuíndo a escala, aparece o Miño, o primeiro dos río Galegos e o máis pequeno entre os importantes da península, da Hispania romana. De aí o seu nome, Minius.

Na primeira vista de paxaro, Ourense sitúase no curso medio do val do Miño. Mais, cando nos vamos achegando, apreciamos unha característica específica do sitio. Os vales de dous afluentes, Loña e Barbaña, conflúen co caudal principal orixinando un gran ancheamento, unha especie de fosa xeográfica, que se estende entre Velle e Reza. Aquí, nin sequera en Oira, o leito do río non acada os 100 m de altitude, mentres que os altos que a rodean achéganse ou superan os 400 m. De aí a denominación xeográfica de “hoya orensana” que soe aparecer nas descricións xeográficas.

Sen embargo, Ourense sempre viviu de costas ao Miño. Só moi avanzado o século XX achegámonos a el, urbanizando as súas beiras e integrándoo nas actividades lúdicas dos ourensáns. Quizais influíu que ata o ano 1943, o barrio da Ponte era parte do Concello de Canedo, integrado dende entón no de Ourense. Como saben, a cidade máis antiga é de época romana e, cos datos que están a proporcionar as investigacións arqueolóxicas, non estaba xunto ao Miño. As evidencias van debuxando unha poboación entre o Posío, a praza da Madalena e As Burgas, que distarían algo máis dun quilómetro do río principal.

Situábase a urbe primitiva nas ladeiras que descenden dende o Montealegre cara ao Barbaña, corrente que si está intimamente vinculada coa historia de Ourense dende que existe como cidade. O núcleo ía medrando nas encostas e terrazas fluviais máis chairas, ao redor das actuais rúas de Hernán Cortés, Bispo Carrascosa, Liberdade, Colón, Cervantes ou do Vilar.

Sen embargo existía outra corrente fluvial, que supoñemos de escaso caudal, pero moi importante para entender a evolución da cidade dende as súas orixes ata a Idade Media. Referímonos ao Regato das Burgas. Seguramente se nutría de pequenos mananciais, das escorrentías do Montealegre e das augas das Burgas que non se aproveitaban. Hoxe está modificado, enmascarado pola urbanización secular e o caudal, basicamente fecal, foi canalizado no saneamento que percorre o subsolo da cidade histórica ata que desauga no Barbaña.

Pero podemos deducir a importancia xeográfica deste val nos fortes desniveis das rúas e prazas que se adaptaron a el. De aí a inclinación da Praza Maior, que se non é única, é pouco común; tamén a da rúa da Barreira, ou as elevadas pendentes que existen entre a rúa do doutor Marañón e as fontes termais, do que dan boa fe as extenuantes escaleiras da rúa de Calpurnia Abana ou a empinada inclinación da rúa do Desengano. Para que se fagan a unha idea, se tirásemos unha liña imaxinaria dende a rúa das Tendas ata a do Padre Feijoó, o val chegaría dende a catedral ata a igrexa da Trindade. Como ven, tivo e ten gran incidencia na topografía, evolución e forma urbana de Ourense, estrangulando a plano da cidade dende as traseiras do Museo Arqueolóxico ata o inicio da rúa de Cervantes. Ao carón deste regato, ademais, emerxen as nosas fontes termais máis célebres. Augas quentes, pero sobre todo sagradas. Foron, seguramente, a razón simbólica que deu orixe a Ourense, á “cidade das Burgas”.

Te puede interesar