Semana Europea da Artesanía no IES Lagoa de Antela

IES A Lagoa de Antela.
photo_camera IES A Lagoa de Antela.

O IES Lagoa de Antela participa na Semana Europea da Artesanía 2024. Dende hoxe, e ata o venres, celebraranse no instituto de Xinzo de Limia unha serie de actividades co obxectivo de dar a coñecer diferentes técnicas e materiais da artesanía próxima e da contorna, nas que participarán máis de 170 rapaces.

Realizaranse oito obradoiros con Julia de la Cal, Agustín Vázquez Ferreiro  e María Jesús Labrador Sequeiros. Ademais haberá dúas exposicións de artesanía no centro; unha sobre a cestería e outra sobre a olería. As actividades contan co apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia e do Concello de Xinzo de Limia.

Os departamentos de Debuxo, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Galega xunto co Equipo de Dinamización Lingüística organizan este programa de actividades enmarcadas nunha proposta de aprendizaxe baseada en proxectos chamada Refuxios que se está a desenvolver ao longo de todo o curso. A través desta proposta achegaranse ao alumnado diferentes técnicas de artesanía vencelladas ao traballo con elementos naturais como fibras vexetais ou barro, co obxectivo de utilizalas para redeseñar e transformar un dos espazos do centro a final de curso.

Ao longo do segundo trimestre, o alumnado de primeiro da ESO recolleu material de cestería das súas familias que forma parte da exposición de cestería albergada no corredor do centro.

Así mesmo na cafetería amósase outra exposición fotográfica onde se fai un percorrido polas técnicas de traballo en barro e o seu proceso de transformación durante a cocción, para dar a coñecer materiais como o gres, o barro roxo, a arxila tradicional de Niñodaguia ou os procesos de esmaltado.

Hoxe e mañá participarán no obradoiro de iniciación á cestería, o alumnado de primeiro da ESO, impartido por La Parabólica, onde participarán 45 rapaces.

Mañá tamén haberá un obradoiro de iniciación á olería para o alumnado de Educación Plástica de cuarto da ESO impartido por Alfarería Agustín, onde participarán 22 rapaces.

O xoves terá lugar un obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de terceiro da ESO do centro impartido por A Bugarda, onde participarán 61 rapaces.

Te puede interesar