“Temos constancia de que os afiadores de Ourense chegaron ós cinco continentes'

O director do filme, Aitor Rei, cun coche promocional da cinta (Foto: Xesús Fariñas)
O actor Aitor Rei pasou ó outro lado da cámara para dirixir a película documental 'A última viaxe do afiador', que se estreará este venres durante a primeira xornada do Festival das Artes Escénicas de Riós. Será a partir das sete da tarde cando o público poida lembrar o sacrificado traballo dos antigos ourensáns e coñecer tamén a súa lingua: o barallete.
A onde vai o afiador nesta “Última viaxe'?
É unha “road movie” que segue a Armando Álvarez facento o mesmo itinerario que realizou no ano 1954 cando saiu por primeira vez cunha roda de afiar. Polo camiño vai atopando a outros compañeiros afiadores que contan as súas historias. Na película saen tódolos profesionais que quedan vivos en Galicia e que son descendentes de sagas de afiadores, sobre todo de Ourense porque de aquí saíron o 90%. Con este traballo, a xente nova pode coñecer como traballaban e andaban polo mundo. De feito, temos fotografías de Nova York, Venezuela, Brasil ou Marrocos e constancia de que chegaron ós cinco continentes. Os motivos polos que saían de Ourense eran a miseria e a fame.

Por como fala, semella que entende esta película coma unha obriga á súa memoria.
Eu penso que si. Sorprende que non haxa colaboracións institucionais nela. Florencio de Arboiro tivo un papel fundamental e facilitounos moitos os datos. Eu son de aquí e sorpréndeme que non se teña feito antes a pesar de que os afiadores son un símbolo de Ourense.

Como reviviu o afiador esta particular viaxe?
Pasouno moi ben. El marchou cunha roda e nin sequera sabía afiar, pero foille ben. De feito, os que despois montaron coitelerías son os que máis se prestan a falar pero prefiren non lembrar as miserias. Eu admíroos moito polo seu valor de sacrificio e traballo. O bonito da película é que reflicte como un colectivo de seres humanos ve o mundo.

Que supuxeron para a presencia de Ourense no mundo?
Foron altavoces dun lugar aínda que por épocas estiveron moi discriminados. Na gravación escoitamos anécdotas moi bonitas, pero tamén moitas miserias porque saían dos montes ourensáns sen saber nada do mundo. Hai que ter en conta tamén a misión das mulleres que agardaban na casa converténdose en viúvas en vida.

Cando vostede naceu xa poucos afiadores quedarían.
Eu isto fágoo polo señor Domingo, que afiou en Ourense hata hai 12 ou 13 anos. A miña nai tiña un ultramarinos nas Lagoas e eu sempre o vía pasar. Quedeime con ese referente.n

Te puede interesar