Toén xa ten sede para o Centro de Interpretación do río Miño

Visita de Baltar á  “Casa do Pai Miño” situada na parroquia de Puga (Toén).
photo_camera Visita de Baltar á “Casa do Pai Miño” situada na parroquia de Puga (Toén).
O goberno provincial destinou 55.000 euros para a compra dunha vivenda situada en Puga

O centro de interpretación Pai Miño, na ribeira do río, colle pulo en Toén co apoio económico da Deputación de Ourense. O Concello adquiriu unha vivenda de 450 metros cadrados, que será a futura sede do proxecto. Está situada a carón dunha carballeira de 9.000 metros cadrados, adquirida en 2021 polo propio goberno municipal.

 “Este proxecto no so é de Toén, é de provincia, e atrévome a dicir de toda Galicia”, sinalou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que resaltou o valor específico do Miño: “É un emblema da nosa nacionalidade histórica. E vai ter en Toén, ao carón do propio río, un centro de interpretación, un lugar visitable e pedagóxico”.

55.000 euros

O goberno provincial destinou 55.000 euros para a compra desta vivenda, situada en Puga. “Estes son os proxectos que prepara Ricardo González -alcalde de Toén-, que eleva o Concello de Toén. E que a Deputación ten a obriga de colaborar e cooperar para que se fagan realidade”, remarcou Baltar.

Pola súa banda, o rexedor de Toén, Ricardo González, destacou o apoio do goberno provincial “para render homenaxe ao río máis importante de Galicia, e que non tiña un centro que lle fixera xustiza”. Este espazo nace para ser un centro de interpretación tanto dos cultivos vitivinícolas na conca do Miño como das artes de pesca ou a súa biofauna. “Tamén queremos recuperar as barcas tradicionais que cruzaban o río, dende Puga ata Cenlle”, avanzou González. 

Te puede interesar