REPORTAJE

Troula entre pasadas para dar a coñecer Toén

A rotonda na que se fará a festa. (JOSÉ PAZ)
photo_camera A rotonda na que se fará a festa. (JOSÉ PAZ)
Toén e o Rally de Ourense teñen unha relación moi íntima. Desta volta, dende o Concello queren dar unha alternativa a aquela xente que non é tan aficionada ao motor con música, comida e xogos inchables para os nenos

O Rally de Ourense é un dos eventos que máis afección move de toda a provincia. Cada ano un trazado. Cada ano unha oportunidade para os  concellos polos que pasa esta insigne proba para dar a coñecer aos amantes do motor os encantos que ten o municipio máis aló dunhas envexables estradas para a práctica do motor. Isto é o que pensaron este ano nun dos máis clásicos da proba: Toén. E é que a relación deste concello co rally é unha das máis lonxevas, pero este ano queren darlle un toque diferente.

A “Festa entre pasadas” é un evento completamente novo, sen precedentes nesta proba. O seu obxectivo é sinxelo: amenizar o tempo entre pasadas e ofrecerlle a posibilidade, a quen non queira andar movéndose entre tramos e queira vivir a experiencia cun pouco máis de tranquilidade, de gozar dun rato de música, comida, agasallos e xogos gratis para os máis cativos.

O alcalde de Toén, Ricardo González, explica que esta idea ven a cumprir varios obxectivos: “Por unha banda, unha promoción do noso concello a través dun evento co que levamos moitos anos de relación; e por outra parte queremos promover un rally con tranquilidade, para que a xente non teña que coller o coche entre tramos e que non haxa a aglomeración nas estradas que se viviu noutras edicións”.  Se ben é certo que os máis fanáticos sempre queren ver o máximo posible aos seus pilotos favoritos e ver os máximos tramos posibles, “hai outro tipo de afeccionados que queren vivilo máis tranquilo e que vai nun plan máis familiar”. Por isto, DJ Tibu ofrecerá un espectáculo dende que remate a primeira pasada (aproximadamente sobre as 12,30 horas) ata que volva pasar a caravana de seguridade que abre o tramo (que será sobre as 14,45 horas).

Para acompañar o son do motor e da música, haberá ata tres “foodtrucks” que permitirán aos espectadores comer a pé de tramo. Tamén haberá multitude de xogos inchables para a cativada, ademais doutros xogos como un circuito de karts a pedais ou unha cabina de tiro. Pero a diversión non só será para os nenos, senón que os maiores poderán optar a decenas de premios.

E o emplazamento será tan popular coma seguro: a rotonda de Toén. Un enclave máis que coñecido polos afeccionados, cuns accesos moi cómodos e sendo un dos tramos que máis preto queda da cidade despois do urbán e do de Barbadás.

Te puede interesar