A UVigo premia a Dereito polo seu pulo ao emprego

Natalia Caparrini, Elena Rivo, Susana Álvarez e Manuel Reigosa, onte.
photo_camera Natalia Caparrini, Elena Rivo, Susana Álvarez e Manuel Reigosa, onte.
É a primeira facultade de Ourense distinguida polo traballo neste eido

A Universidade de Vigo concedeu o seu Distintivo de Empregabilidade á Facultade de Dereito do Campus de Ourense. O obxectivo é recoñecer e incentivar a promoción de accións neste eido en facultades e escolas. A Facultade de Dereito (do campus de Ourense) xunto ás facultades e de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (ambas do campus de Vigo) son as primeiras en acadar agora este recoñecemento. No acto de entrega do primeiro destes distintivos, celebrado onte en Ourense, o reitor, Manuel Reigosa,  subliñou que “a preocupación pola empregabilidade dos nos egresados  está no noso ADN, desde o principio e en todos os nosos centros”.

Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, explicou que con este distintivo a institución académica quere recoñecer publicamente as facultades e escolas que “destaquen na promoción activa e permanente da mellora da empregabilidade do seu alumnado”. Seguindo o modelo de iniciativas anteriores como o Distintivo de Igualdade, consiste nunha insignia para expoñela publicamente no centro, ten unha vixencia de tres anos (2023-2026) e vai acompañado dunha contía de 2.000 euros que poden empregar para desenvolver máis actividades ou iniciativas neste eido. 

No caso da Facultade de Dereito, desde a organización do distintivo destacan, ademais da súa feira Orienta Iuris, a súa colaboración coa Área de Emprego e emprendemento no deseño, impartición e organización de actividades, en particular aquelas vinculadas a orientación do alumnado e a mellora das súas competencias. 

No acto participou Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, quen subliñou que a universidade constitúe “unha porta de acceso ao emprego” e que este novo distintivo supón unha oportunidade para visibilizar aínda máis o seu traballo.

Te puede interesar