Os organizadores da Mostra Internacional de Teatro Universitario xa teñen todo listo para un total de 16 xornadas cheas da escea máis internacional, que este ano trae á cidade grupos artísticos de 11 países.

Volve o teatro universitario

Desfile de inauguración da Miteu do ano pasado.  (Foto: XESÚS FARIÑAS)
A Miteu é teatro, pero non comeza coa apertura do telón. Non. A Miteu comeza nas rúas e xa está aquí para facer que os ourensáns queden 'Enredados' nas artes escénicas. Precisamente, baixo ese título percorrerán a rúa do Paseo e os Xardíns do Padre Feijóo os membros de Rosaura (un dos grupos universitarios da cidade) ás 19 horas. Dese xeito, quedará inaugurada a 17 edición.
Os últimos días, que ían marcando a chegada da mostra, 'foron de nervios' para os organizadores, segundo recoñece o director da Miteu, Fernando Dacosta. Agora, xa cos folgos preparados para os 15 días de teatro e intenso traballo que teñen por diante, as súas expectativas son positivas. 'Polo de agora, o programa está sendo moi ben recibido e a xente está amosando interese por determinados espectáculos'. Os pratos fortes desta edición levan nomes ben coñecidos coma os de Carlos Blanco, Quico Cadaval, o dúo Mofa e Befa ou o incombustible Leo Bassi, que volve para formar parte dunha gala de apoio a Palestina.

A Fernando Dacosta e o seu equipo precédenos 16 anos de bo facer que contribuíron a crear unha 'base fiel' no referente ó público. 'O número de espectadores é fantástico e, dende hai varias edicións, estamos rondando os 10.000'. É certo que existe esa fidelidade, pero tamén o é que cada ano axudan a crear novos amantes do teatro universitario.

Serán 29 compañías que representen outros tanto espectáculos e cuns pasaportes que leven o selo de 11 países. A Miteu máis internacional ata o de agora serve tamén para potenciar o turismo cara Ourense, lembra Dacosta. 'Agora tócanos demostrar a nosa hospitalidade cos grupos, cada un ten as súas necesidades, pero xa temos todo listo'. Entre as obrigas dos organizadores está 'facer que se sintan ben acollidos porque a cidade tamén se dá a coñecer con este tipo de actos'.

Así como a Miteu atrae dende lonxe ós membros dos grupos, moitos dos cales non terían sabido ubicar Ourense ata agora, tamén provoca un efecto semellante no tocante ó público. 'Dun tempo a esta parte temos notado que se achegan espectadores de localidades próximas e tamén doutras provincias galegas, é algo que percibimos polas chamadas recibidas para pedir información'.

Así, dende que os actores universitarios comecen a percorrer o Paseo ata que o telón -neste caso si- baixe o día 28, toda a cidade poderá gozar da Miteu porque a variedade de xéneros permite que 'cada ourensán teña o seu recuncho'.

Te puede interesar