Xunqueira de Espadanedo mellora o seu alumeado público

 O Concello de Xunqueira de Espadanedo vén de aprobar o pagamento da factura por importe de 96.800 euros e tralo remate das obras do proxecto de aforro e eficiencia enerxética nos lugares da A Caseta e Xunqueira de Espadanedo. Segundo anunciou o goberno de Carlos Gómez, trátase dunha actuación na que a administración municipal, "consciente da necesidade de mellorar os ratios de consumo e eficiencia enerxética", conseguiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) por importe de 83.335 euros, aportando a cantidade restante para a execución do proxecto con fondos propios. 

Con elo, o actual sistema de iluminación pública, pasa dos 156 aos 124 puntos de alumeado e cunha potencia instalada que pasa dos 11,21 kilovatios  aos 4,38. "A execución desta obra supón unha redución dun 80% na contaminación ambiental así como un 60% de aforro anual na factura que paga o Concello acadando o 100% do alumeado público ca nova tecnoloxía led", tal e como explica o Concello.

Xunqueira de Espadanedo con esta actuación "mantense na vangarda en conquerir o feito de lograr unha eficiencia na xestión dos recursos públicos e garantir a calidade dos servizos coa mellora na calidade de vida dos veciños". 

Te puede interesar