A Xunta descarta a Dragados como causante dos danos denunciados ante Fiscalía no Castelo de Monterrei

A directora de Turismo critica á plataforma contraria ás obras por reivindicar un plan director "inexistente"

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, descartou á empresa Dragados como causante dos danos denunciados ante a Fiscalía e supostamente acontecidos durante as obras de rehabilitación do Castelo de Monterrei, onde os traballos se realizan "de forma exquisita e con esixencias continuas á empresa", detallou.

Nava Castro convocou aos medios de comunicación para dar a coñecer a documentación sobre o proxecto e desenvolvemento da rehabilitación dunha "das maiores acrópolis galegas", e facer fronte así ás críticas e denuncias verquidas pola plataforma en defensa do uso público do Castelo de Monterrei dende hai dous meses.

En concreto, incidiu en que, tras a rehabilitación, "independentemente do uso que se dea logo ao castelo", quedará aberto ás visitas turísticas e veciñais o 83 por cento do espazo da fortaleza e detallou que as obras teñen un prazo de execución dun ano e contan cun proxecto complementario para, despois, adecuar as instalacións a un uso de hotel de luxo a cargo da empresa "cen por cento pública" Paradores.

A directora de Turismo foi debullando, durante o encontro, os argumentos da plataforma cultural e social reivindicativa do uso público do castelo, e dixo que a rehabilitación se fai con "fondos propios" da Xunta, que licitou as obras por un importe de 2,1 millóns de euros "aínda que Dragados, a gañadora do concurso, foi á baixa e puxo un custo de 1,7 millóns de euros".

CUARTOS DESMONTABLES

As arquitectas Cristina Uzande e Cristina Ezcurra detallaron o proxecto de rehabilitación, en execución, e o previsto para a posterior conversión en parador con sete cuartos.

A rehabilitación en marcha inclúe mellorar a accesibilidade aos espazos da fortaleza, con ramplas e un ascensor adaptado, portas de ancho especial e plataformas de madeira sobre o chan orixinal, a xeito de itinerarios marcados, e tamén mellora das condicións térmicas e "en xeral o necesario para mellorar o confort nunha instalación dese tipo, independentemente do uso que se lle dea despois".

No interior da fortaleza prevese instalar, despois da rehabilitación, catro cuartos cúbicos con estrutura de madeira, colocados sobre unha plataforma de madeira e "sobrepostos sobre o chan de Pazo dos Condes", de forma que poderán desmontarse se se volve cambiar o uso.

"Quedarán visibles os forxados de formigón e os elementos da rehabilitación realizada en 1983, moito máis agresiva que a actual, pero acorde con aqueles tempos e totalmente correcta", detallou Ezcurra. Outros tres cuartos do futuro Parador estarán na Casa rectoral, actualmente en estado "grave de abandono".

TODO LEGAL

Nava Castro incidiu na legalidade das obras iniciadas, no financiamento propio e no "ton provocador" de colectivos como o foro Monterrei, ao que acusou de estar integrado por profesionais cualificados, que se identifican a si mesmos como avogados, antropólogos forenses, arquitectos e outros, "e deberían saber de que falan".

Ao mesmo tempo, referiuse ás críticas nas que se inclúen alusións ao plan director do anterior Goberno bipartito e sostivo que "non existe ningún Plan director aprobado, tan só do bipartito hai unhas directrices para Plan director que foron integradas nun documento dese tipo pola miña antecesora, Carmen Pardo, que está en tramitación e pendente do informe sectorial en varias consellerías implicadas".

A directora falou tamén da cesión do castelo do Estado á Xunta de Galicia en 2009 e explicou que se está a ampliar o concepto de usos previstos, para incluír o hoteleiro, "por evitar problemas". "Pero traballamos cun plan especial, mentres non hai plan director, e contamos coa licenza municipal de Monterrei e coas autorizacións pertinentes de Patrimonio", sentenciou.

DENUNCIA

En relación á denuncia presentada ante Fiscalía polos danos supostamente ocasionados polas obras actuais de rehabilitación, achegando imaxes de muros con pedras caídas e pezas pétreas colocadas sobre un muro exterior sen protección, Castro descartou que os danos fóra do perímetro de obras poidan achacarse a Dragados. "E calquera pode ir alí e comprobar a cantidade de camións e vehículos que pasan cada día sen ser desta empresa", engadiu.

A denuncia foi admitida a trámite polo xulgado de instrución de Verín o 16 de abril, que abriu dilixencias por posible delito contra o patrimonio histórico, segundo o escrito xudicial.

Te puede interesar