Crónicas de agora e sempre

“Trenes botijo”, “foliadas e xantares” e un servizo de calidade para atraer veraneantes

Caricatura de Modesto Fernández.
photo_camera Caricatura de Modesto Fernández.

E por se, con todo o relatado, os méritos de Modesto Fernández non fosen suficientes para formar parte deste poliédrico mosaico de ourensáns, queda por dicir que os andeis dalgúns arquivos e bibliotecas históricas sosteñen aínda obras súas tan curiosas como interesantes, coma unha viaxe a Portugal relatada en medio milleiro de páxinas ou unha profunda análise sobre as contas do Estado ó longo da última historia de España ata o seu tempo, titulada “La hacienda de nuestros abuelos, conferencias de aldea”, que en moitos aspectos conta cunha asombrosa actualidade.

Outra das súas reflexións públicas, que provocou amplo debate social, foi un artigo titulado “Más industriales y menos doctores”, no que Modesto Fernández avogaba pola promoción de carreiras técnicas fronte as denominadas humanísticas a fin de modernizar o Estado: “Nadie ignora que existe una evidente desproporción entre los que se consagran al estudio de las artes y profesiones liberales y los que se dedican a las ciencias exactas, base de la industria, del comercio y de la navegación. Y este mal viene de antiguo”

E, xa facendo causa coa promoción económica e turística de Galicia, son dúas as reflexións que Modesto Fernández puxo sobre a mesa de gobernos e gobernantes e que se asemellan coma as torres da catedral compostelá ó debate  que ten provocado a chegada do Ave a Galicia. A primeira delas ensaríallaa ó rebufo da posta en marcha duns trens coñecidos como “trenes botijo”, que nos derradeiros anos do século XIX foron deseñados para levaren veraneantes cara o Mediterráneo. Modesto Fernández amósase partidario “del establecimiento semanal de trenes botijos de Madrid a la Coruña y Vigo para que la gente artesana madrileña conozca  las bellezas de Galicia y deseche prejuicios despreciativos para los gallegos”, cualificándoos de”utilísimos en las poblaciones marineras, porque llevan del centro a la perifeira las clases trabajadoras que constituyen el nervio de la nación” .

Pero, para que o programa se consolidase e os veraneantes elixisen a nosa terra fronte á costa mediterránea, consideraba preciso que chegase o día no que “Galicia gaste más en confort para veraneantes y bañistas, construya hotelitos de alquiler con servicio, se fije mucho en el comedor, elija camareros y camareras que vistan correctamente y se vea la cara en los suelos y en los muebles de las viviendas”. Entón si que seriamos capaces de “atraer en el verano una población flotante superior a la de San Sebastián, Bilbao y Cádiz, verdadero manantial de cuantiosos ingresos”. Sobre todo porque de “foliadas e xantares” -escribía Camilo de Cela na “Gaceta de Galicia” en dous artigos concatenados- por fortuna andamos certamente sobrados. 

Te puede interesar
Más en Sociedad