Presentado un proxecto que permite a recarga multimedia de coches eléctricos

Un proxecto pioneiro, posto en marcha pola Telefónica en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), permite a recarga multimedia de vehículos eléctricos e outras facilidades como o pagamento dos contidos e da recarga desde o teléfono móbil.


A recarga multimedia de coches eléctricos xa foi implantada no aparcadoiro da empresa Welgood Solutions en Vigo (Pontevedra) e utiliza o propio cabo de recarga das baterías.

Roberto Guerrero, responsábel do proxecto, destacou nunha conferencia de prensa os 'novos servizos de valor engadido' que achega a Telefónica aos seus clientes e expuxo que esta iniciativa 'explora' novas posibilidades para descargar contidos multimedia aproveitando o momento da recarga das baterías de vehículo.

Guerrero detallou que, grazas a este innovador sistema, é posíbel descargar vídeos, filmes ou música.

Permite, así mesmo, outras funcións como a reserva da praza de aparcadoiro, erguer a barreira de entrada ao aparcadoiro co móbil ou controlar a recarga eléctrica do coche e a descarga de contidos remotamente desde o teléfono

Tamén se poden pagar tanto contidos, como carga da batería e o propio estacionamento a través da plataforma de pagamentos da Movistar.

A selección dos contidos que se poden descargar pode realizarse desde a propia pantalla do coche ou a través dunha aplicación no móbil.

Pola súa parte, o director de Electrónica do CTAG, Francisco Sánchez, incidiu na importancia destas novas 'solucións de comunicación e conectividade' no ámbito do coche eléctrico.

Agregou que as novas tecnoloxías de información e comunicación existentes facilitan que os vehículos 'sexan cada vez máis seguros' e que dispoñan de sensores para 'monitorizar' o ámbito do vehículo e axudan a previr accidentes ou coches 'máis eficientes e respectuosos' co medio.

Pola súa banda, o responsábel da Welgood, Eloy García, incidiu en que os estacionamentos que posúe esta empresa en Vigo -Urzáiz, Areal e praza da Independencia- contan con 119 puntos de recarga para modelos eléctricos, o que sitúa a urbe viguesa 'nunha posición líder en Europa'.

Te puede interesar