Os candidatos a gobernar Trives apostan por mellorar infraestructuras
Tres son os partidos aspirantes a gañar a alcaldía da Pobra de Trives o vindeiro 28M cambiando os resultados das pasadas eleccións. Estes catro anos gobernou o PSOE, en minoría con 4 escaños de 11, tras romper o pacto con Son de Trives, dous meses despois da constitución das novas corporacións.
- Que valoración fai destes catro anos de mandato municipal?
- Cales son as necesidades, carencias e prioridades do seu municipio actualmente?
- Cales son os obxectivos do seu equipo para os comicios do 28M e dos próximos catro anos?
Ruth Boyero (BNG)
- Unha falta clara de escoita das peticións da veciñanza, un incumprimento de promesas de problemas que son sinxelos de resolver cando o Concello ten maquinaria e persoal para facelo, e tamén unha falta de educación e unha censura inadmisibles, porque non se aceptan as críticas e as peticións moitas veces tampouco, ou óbvianse. Algo que era moi diferente co goberno anterior.
- Necesidades, carencias e prioridades van da man. Na maioría, relacionadas co coidado, mantemento, aproveitamento e recuperación da infraestrutura en xeral, pero sobre todo coa atención sanitaria, cidadá e con respecto á conexión entre nós mesmos e co exterior. A Pobra de Trives, aldeas incluídas, ten moito que ofrecer en todos os eidos, e iso hai que, primeiro conservalo, e despois potencialo.
- Buscar maior transparencia e tratar de sacar a Trives do despoboamento e a deixazón; escoitar a veciñanza, coñecedora do que precisan as súas parroquias; mellorar a infraestrutura, tanto externa como interna, entre as aldeas, que está en abandono absolutos; un maior aproveitamento da infraestrutura existente aumentando a diversidade cultural anual; aumento de persoal sanitario no centro médico; buscar incrementar as explotacións gandeiras e agricultura e a transformación dos produtos agroindustriais.
Roberto González (PP)
- A valoracion xeral é de moi insuficiente para o tipo de Vila que é Trives. Estase deixando perder sendo unha mágoa para quenes cremos e apostamos polo noso futuro aquí e por ser unha vila emblemática. Cando falo de Trives falo das súas parroquias tamén, as grandes esquecidas a día de hoxe e quenes lle deron sempre economía á propia vila.
- Atender ás necesidades dos nosos maiores, frear o declive esaxerado dos últimos anos en canto a poboación, economía, emprego, comercio, servicio… impulsar o Turismo, mantendo as rutas e camiños desbrozados; destacar a Via Nova; crear un parque industrial para dar a oportunidade de crecer as empresas do municipio. Incentivar a poboación para facer un Trives mais forte consíguese coa creación de novas iniciativas entre todos.
- Traballar duro. Cubrir de inmediato as prazas vacantes no concello desde fai 3 anos, máis a seguinte xubilación, velando por necesidades de primeira man dos triveses. As reformas integrais da residencia de maiores e centro de saúde, son a nosa prioridade xunto a creación dun espazo de lecer para os maiores. Buscaremos expandir o sector agro gandeiro promovendo polígonos agrarios. É precisa a homologación de rutas e a posta en marcha de proxectos de turismo.Traballaremos nas vías de comunicación con Ourense e O Barco.
Patricia Domínguez (PSOE)
- Foi un mandato complexo no que se sacaron adiante moitos proxectos como a eliminación da débeda do concello, a entrada na Ribeira Sacra, a certificación da Q de Calidade Turística, construcción de miradoiros, reposición de luminarias por led ou a subvencións dos fondos Next Generation. Non contamos con propostas nin axuda da oposición. O balance é satisfactorio.
- A mellora das comunicacións son imprescindibles para o asentamento da poboación, así como a recuperación dos terreos do Bibei, a creación de polígonos agroforestais, poder establecer un polígono ecolóxico; comunidades enerxéticas que redunden no aforro aos veciños; mellora na captación da agua e saneamento e no servizo a domicilio; aposta polo patrimonio histórico; eliminación da fenda dixital; programas de conciliación; construcción do sendeiro do Fiscaíño; rehabilitación do polideportivo; creación de zonas de práctica de barranquismo ou adecuación de rutas de senderismo.
- Presentamos un proxecto serio, solvente e responsable para dar un xiro histórico a Trives. O noso proxecto é só e só Trives, pedimos confianza. Rematar o traballo feito e cumplir o noso programa electoral. Un obxectivo importante é que a Xunta pague os 3 millóns de euros que lle debe á Mancomunidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xornal Escolar
Galería | Os alumnos de Trives coidan da súa contorna
LANZÓ UN VASO CONTRA SU COCHE
Condenado por golpear con un botellín de cerveza en la cabeza a otro hombre en Trives
Lo último
PRIORIDAD AL CEMENTO
❌ ✅ Encuesta | ¿Estás satisfecho con el avance de las obras del Jardín del Posío?
ADIÓS A PRIMERA FEDERACIÓN
El CD Arenteiro pierde ante el Osasuna Promesas y se despide virtualmente de Primera Federación (1-0)