Parada de Sil, exemplo de desenvolvemento sostible

Manuel González, Paco Magide, José Miñones e Emilio González
photo_camera Manuel González, Paco Magide, José Miñones e Emilio González
Opta agora a participar en programas estatais como o Campus Rural 

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia presentou en Parada de Sil as iniciativas para a dinamización da Ribeira Sacra. Trátase de varios proxectos de Desenvolvemento Sostible e de Emprego Verde a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia. 

O GOBERNO DESTINA A ESTE CONCELLO MÁIS DE 500.000 EUROS EN ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA E MELLORA AMBIENTAL

O delegado do Goberno trasladouse ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, onde exemplificou este apoio no bus lanzadeira que durante o verán comunicou a localidade co mosteiro. Unha actuación que forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en destino da Ribeira Sacra, financiado con 850.000 euros. “É unha clara aposta de Parada de Sil polo transporte colectivo fronte aos vehículos particulares co obxectivo de fomentar un turismo sostible”, apuntou Miñones. 

O Ministerio para a Transación Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 6,4 millóns de euros para financiar proxectos de desenvolvemento sostible nas Reserva da Biosfera, e Parada de Sil  poderá beneficiarse deles unha vez que a Ribeira Sacra accedeu en setembro a esta figura de protección internacional promovida pola Unesco. Este compromiso traducirase en iniciativas enfocadas cara o  emprego verde e asentadas no territorio, co que se obterá tamén un efecto positivo sobre a poboación.

Na xuntanza levada a cabo co alcalde en funcións de Parada de Sil, Francisco Magide, o delegado do Goberno, acompañado do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou que “Parada de Sil é un exemplo do que procura o goberno, que os municipios sexan capaces de captar axudas e acollerse a plans que axuden a mellorar estes concellos para que vivir neles sexa un privilexio e non unha condena”.

Te puede interesar