Universidade

A UVigo presenta un grao bilingüe de Filoloxía Aplicada

Unha das imaxes promocionais da nova titulación da Universidade de Vigo.
photo_camera Unha das imaxes promocionais da nova titulación da Universidade de Vigo.
A nova titulación, que ofertará 50 prazas o vindeiro curso, implementa o uso das novas tecnoloxías

O Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española mira cara ao porvir co fin de que o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias para poder aplicalas de xeito práctico, na procura de solucións aos problemas socioculturais actuais co emprego das máis modernas ferramentas da tecnoloxía dixital. Nestes termos describe o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) da Universidade de Vigo, José Montero Reguera, o novo Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE) que o centro ofrecerá o vindeiro curso con 50 prazas, renovando e reforzando a oferta da UVigo no ámbito das humanidades e asegurando a continuidade dos estudos de galego e de español, que se remontan na institución académica viguesa a corenta anos atrás.

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, reafírmase na idea de que unha universidade ten que aspirar a ter un catálogo de titulacións que inclúa as humanidades, “que xogan, xogaron e xogarán un papel transcendental na formación da conciencia crítica da sociedade e que supoñen unha parte moi importante do noso progreso”.

Mirar cara ao futuro

“Trátase dun grao moderno, único, internacional, que pode abrir moitísimas portas, vellas e tradicionais, pero tamén modernas e de futuro; que permite coñecer con profundidade as linguas propias e desenvolverse con pericia en non menos doutras dúas, o que permitirá chegar a obxectivos ambiciosos nos eidos da docencia, da comunicación, da investigación e das industrias culturais”, resume o decano da FFT sobre o novo grao. Así, o asesoramento lingüístico en empresas tecnolóxicas, a análise e a xestión da información en organismos e en proxectos internacionais, e a edición de textos especializados de creación literaria ou de contidos audiovisuais, son algunhas das saídas profesionais que os futuros titulados e tituladas terán ao seu alcance. 

Vertente práctica e dixital 

O Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria; e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español. “O novo grao conxuga, por unha banda, a tradición, a modernidade e a realidade social na que entendemos a filoloxía como a colaboración entre varias disciplinas centradas sempre na palabra e nos seus textos e, tamén, dunha maneira xenérica na que texto sería calquera comunicación en que se empregue a lingua, neste caso o galego e o español”, detalla Montero Reguera. 

O multilingüismo é un dos sinais de identidade do novo grao, no que o alumnado, ademais de galego e de español, cursará dous idiomas modernos que poderá elixir entre alemán, francés, inglés ou portugués. A incorporación de Lingua de signos nun módulo optativo de especialización, único no sistema universitario galego, é outra das características da nova titulación, que ten un marcado contido e un carácter aplicado e práctico. «Debe engadirse a isto a incorporación de prácticas externas e que no traballo de fin de grao se recolle de xeito explícito a orientación práctica e aplicada», detalla o decano do centro, que tamén destaca o carácter creativo en literatura galega, aplicado e dixital. “Todos estes elementos amosan a verdadeira singularidade de FAGE, que o converten nun grao único no sistema universitario español», afirma Montero. 



O principal obxectivo, "afrontar os retos dunha sociedade multicultural"

Inmaculada Anaya, vicedecana de comunicación, captación e diversidade da UVigo, explica que o novo grao de Filoloxía Aplicada nace co obxectivo de "aproveitar as novas tecnoloxías para darlle unha volta ás titulacións máis tradicionais, afrontando os retos dunha sociedade multicultural". Ademais, defende, "queríamos reivindicar o valor da filoloxía, algo denostada. Hoxe en día, moita xente dubida da súa utilidade. Descendeu o seu prestixio, e como consecuencia disto hai alumnos que quixeron estudar filoloxía nos últimos anos e os seus pais non lles deixaron". 

Anaya recorda que "a filoloxía, ademais de para a ensinanza, investigación, edición de textos e traballo en arquivo, é unha especialidade moi considerada nas industrias culturais e creativas, para o asesoramiento lingüístico en empresas tecnolóxicas... Trátase dun emprego transversal, pero hai xente que pensa que na filoloxía se reduce todo a morfemas e monemas, cando se aprende a resolver problemas do día a día no campo profesional e axuda a ordenar os pensamentos, polo que é útil á hora de desempeñar cargos de responsabilidade". 

Algunhas das asignaturas da titulación, avanza Anaya, son "Humanidades digitales y crítica literaria", "Tecnologías del lenguaje" ou "Taller digital de lengua y literatura gallegas".

Entre as novidades do grao, cun sentido práctico, atópase tamén o estudo da lingua de signos e de idiomas estranxeiros, o cal, subliña Anaya, "permite ao alumnado que se abra ao mercado internacional e o comercio exterior". 

Te puede interesar