UNIVERSITAS

O alumnado achega aos colexios a faciana máis internacional do campus

Estudantes estranxeiros participan en coloquios en centros escolares da man de ESN Vigo

Ter a oportunidade de ir a unha escola galega a conversar cos nenos foi para min un xeito de achegar unha pequena retribución por toda a receptividade da xente desde que cheguei a Pontevedra”, salienta a alumna brasileira Constanza Abdalla tras participar no programa Erasmus in Schools, unha iniciativa da asociación ESN (Erasmus Student Network) Vigo que trata de achegar as experiencias do estudantado internacional aos escolares do municipio. No presente curso esta asociación impulsa por primeira vez no campus pontevedrés unha actividade que busca que o alumnado chegado á cidade grazas aos diferentes programas de mobilidade comparta as súas vivencias con estudantes de colexios ou institutos.


“Polo de agora aqueles que participaron quedaron encantados” recoñece Lucía Baltasar, a coordinadora de Erasmus in Schools en Pontevedra, que incide en que iniciativas como esta, que a asociación xa levou a cabo en Vigo o pasado curso, “non concordan en absoluto con esa idea que algúns poden ter dos erasmus, aos que non imaxinan indo a un colexio a falar con nenos de 10 anos”.
Despois de que, a mediados de xaneiro, ESN Vigo estrease esta actividade no colexio SEK Atlántico de Poio, coa participación de dúas auxiliares de conversación que se atopan este curso residindo en Pontevedra, hai un días desprazábanse ata este mesmo centro os primeiros estudantes do campus en sumarse a esta iniciativa, os nicaraguanos Allan Britton e Fernando Barquero e os brasileiros Vitor Bini e Constanza Abdalla. “Gustoulles moito a experiencia, de feito, algúns xa nos comentaron que querían repetir”, recoñece Baltasar, que incide así mesmo en que o seu obxectivo é “ir rotando aos participantes”, posto que, despois destas primeira visitas, “outros estudantes xa nos comentaron que tamén queren participar”.


Aínda que a temática dos coloquios é libre, algo que sempre adoita estar presente nas intervencións dos participantes é o relato “de como era a súa vida no seu país e as diferencias que se atoparon ao chegar aquí”, apunta esta voluntaria da ESN, que tamén participa nestes encontros cos escolares explicándolles en que consisten programas de mobilidade como o Erasmus e o funcionamento desta asociación de apoio ao alumnado estranxeiro.

Te puede interesar
Más en Universitas