UNIVERSITAS

Obxectivo: as convocatorias europeas de Horizonte 2020

ci1_result
photo_camera Foto de famila dos equipos de goberno da Universidade de Vigo e de Porto o día do encontro.

Os equipos de goberno das universidades de Vigo e Porto mantiveron un primeiro cumio bilateral e sentaron  as bases para colaborar en varios eidos

O Campus do Mar é un forte nexo de unión entre as universidades de Vigo e de Porto. A súa colaboración neste campus de excelencia internacional permitiu a ambas institucións identificar potencialidades, similitudes e puntos fortes que agora se plasman nunha parcería máis intensa que arrancou coa celebración do primeiro cumio bilateral entre ambos equipos de goberno.

Hai uns días, reitores e vicerreitores participaron en mesas de traballo temáticas para sentar as bases de colaboracións futuras. Os reitores de ambas institucións presentaron en rolda de prensa as primeiras conclusións e puntos de interese mutuos que pasan principalmente por crear equipos ou clúster mixtos de investigación para concorrer conxuntamente a convocatorias europeas do Horizonte 2020. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e seu homólogo luso, Sebastião Feyo de Azevedo, explicaron que as áreas estratéxicas serán enxeñaría e enerxía, bioenxeñaría e biomedicina e telecomunicación. “Estes son eidos nos que xa traballamos ambas institucións”, destacou Mato, que sinalou como exemplo dos resultados obtidos o Vigo Tecnolóxico ou o proxecto Biocaps.


Outro eido prioritario será o mar, unha aposta compartida por ambas universidades e evidenciada na súa participación no Campus do Mar. O reitor portugués explicou que a súa universidade conta con 300 investigadores no que chaman Polo do Mar, "que nos vindeiros meses se trasladarán a unhas novas instalacións no porto de Leixões". Mato considera que esta é unha boa oportunidade para que Vigo tamén avance cara unha sede institucional para o Campus do Mar, “un bo momento para que se produza a cesión dos terreos da Etea”.

O reitor de Porto lembrou que o mar é para ambas universidades e tamén para ambas cidades “fundamental, tanto para o desenvolvemento científico como para o económico, pero tamén na enxeñaría ou no eido alimentario, no que xa temos grupos de ambas universidades colaborando”.


Unha parcería natural
As orixes da Universidade de Porto remóntanse ao século XVIII e na actualidade tense convertido nunha das 150 mellores universidades de Europa e é a segunda maior de Portugal con 30.822 estudantes, dos que o 13% son internacionais. A universidade lusa, con 51 unidades de investigación, é o maior centro de innovación en Portugal, con 154 patentes nacionais e internacionais activas, 185 empresas e proxectos e 1700 postos de traballo. Neste sentido, o reitor vigués destacou que é un “privilexio” poder colaborar “estando tan preto e tendo ambas institucións identificado como prioritaria a especialización e a internacionalización”.


Mato e Feyo de Azevedo destacaron o carácter de parceiros naturais de ambas institucións “porque estamos a unha hora de distancia e é un privilexio poder aprender da experiencia dos outros e coñecer os casos de éxito”. O rexedor luso recoñeceu que o feito de pertencer a países diferentes pode crear algunhas dificultades, pero redes como a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (Crusoe), serven para abrir vías de cooperación.

Te puede interesar
Más en Universitas