VIGO

Vigo, entre as 10 mellores universidades de España de menos de cincuenta anos

A clasificación impulsada por Thomson Reuters ampliouse este ano a 150 institucións

A Universidade de Vigo revalida por cuarto ano consecutivo a súa presenza no ránking Times Higher Education das 150 mellores universidades do mundo con menos de 50 anos de existencia. Por vez primeira, a clasificación impulsada por Thomson Reuters que avalía institucións de todo o mundo a través da análise de trece indicadores de funcións como ensinanza, investigación, transferencia de coñecemento ou citas, ampliouse de 100 a 150 universidades, entre as que ademais de Vigo figuran outras nove institucións españolas.

A Autónoma de Barcelona, Pompeu Fabra, Autónoma de Madrid, Rovira i Virgili, sitúanse nos postos 12, 15, 71 e 83, respectivamente, da clasificación, mentres que e as de Alcalá, País Vasco, Carlos II, Politécnica de Valencia e Politécnica de Cataluña, xunto á institución viguesa, aparecen incluídas no grupo das que van do posto 101 ao 150. Neste caso, as universidades aparecen ordenadas alfabeticamente e non en función dos puntos acadados a partir da análise das variables, como si ocorre nas que aparecen do posto 1 ao 100 do ránking. 

A École Polytechnique Fèdérale de Lausanne de Suiza volve repetir no primeiro posto do ránking, que completa o podio de honra coa Nanyang Technological University de Singapur e a Hong Hong University of Science and Technology. A Maastricht University de Holanda, a Pohang University of Science and Technology e o Korea Advanced Institute of Science and Technology de Corea do Sur, as alemás University of Konstanz e Karlsruhe Institute of Technology, a francesa Pierre and Marie Curie University e a italiana Scuola Superiore Sant’Anna, completan os dez primeiros postos desta clasificación, que emprega unha metodoloxía recalibrada ás novas universidades que dá menos importancia a medidas de reputación subxectivas e máis a datos numéricos puramente obxectivos.

O Times Higher Education 100 Under 50 comezou a publicarse en 2012 e foi a partir do ano seguinte cando a Universidade de Vigo apareceu incluída por primeira vez. Continuar por cuarto ano consecutivo nesta clasificación, na que en 2015 Vigo situouse no posto 88, é para o comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, “un feito positivo, habida conta de que o financiamento das institucións académicas en España continúa a caer, o que inevitablemente se traduce en descensos para todas as nosas universidades, salvo no da Autónoma de Barcelona que é a única que escala posicións”.

A taxa de reposición, que impediu ás universidades durante anos reforzar os seus cadros de persoal, é outro dos factores, que segundo Martínez Cobas cómpre ter en conta á hora de analizar uns resultados que contrastan cos de outras institucións internacionais fortemente financiadas polos seus respectivos gobernos.
O comisionado de Plans Estratéxicos considera ademais que non se debe esquecer que Vigo é unha universidade que non incrementou o prezo da súa primeira matrícula desde 2012, “de modo que actualmente é a que cobra as menores taxas por cursar estudos entre as dez universidades españolas recoñecidas neste ranking mundial”.

Te puede interesar
Más en Universitas