Día das Letras Galegas 2022 | Dúas novas publicacións sobre Florencio Delgado Gurriarán

Os escritores Xesús Alonso Montero e Ricardo Gurriarán presentarán no Barco cadanseus libros baseados na figura de Florencio Delgado Gurriarán. A cita foi fixada para o vindeiro 8 de marzo e desenvolverase no salón de actos do Edificio Multiusos, a partir das 19,30 horas.

Xesús Alonso Montero foi unha das figuras que reivindicaron o valor da poesía de Florencio Delgado, elixido pola Real Academia Galega para protagonizar o Día das Letras Galegas de 2022. Pola súa banda, Ricardo Gurriarán está detrás da investigación máis importante sobre a vida do poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Os dous autores asistirán ao acto da man de Editorial Galaxia.

Gurriarán presentará a reedición de “Florencio Delgado Gurriarán, vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista”, libro que foi publicado en 1999 por vez primeira. No caso de Alonso Montero, presentará unha análise da poesía do poeta valdeorrés que leva por título “Florencio Delgado Gurriarán, poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética”.

Na presentación tamén estarán os alcaldes de O Barco e Vilamartín, Alfredo García e Enrique Álvarez, respectivamente; a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta, e Xesús Domínguez Dono, director de produción de Editorial Galaxia.

Te puede interesar