A figura de Florencio Delgado Gurriarán, o escritor valdeorrés que protagoniza o Día das Letras Galegas 2022, seguirá presente na comarca durante moito tempo. A súa figura estará sempre presente para os alumnos do Colexio Condesa de Fenosa, de O Barco de Valdeorras. Todos eles participan, con independencia das súas idades, na confección do mural que deseñou un dos seus mestres, Xoaquín Freixeiro, e cuxa elaboración corre por conta dos estudantes, dirixidos polos artistas Chere (Gerardo Rodríguez) e Susana Ferradás.
Os traballos de elaboración do mural comezaron o xoves, coa implicación da comunidade educativa do centro, pois padres e alumnos iniciaron unha obra que debería estar rematada o vindeiro luns. Segundo explicou Chere, trátase dun proxecto multidisciplinar, que combina a pintura e o mosaico. “Queremos que sexa unha explosión de cor”, explicou o artista valdeorrés.
O muro sobre o cal desenvolven o proxecto os alumnos foi dividido en tres partes. A primera delas recolle un debuxo coa figura do poeta homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, recollendo a segunda a imaxe dunha paisaxe característica da comarca de Valdeorras, con vales, montañas, un sol e un gran arco da vella. A última lembranza á obra e poesía de Florencio Delgado Gurriarán, esta coa reprodución de varios poemas seus.
O mural está a ser realizado no patio do centro educativo e os colexiais van sucedéndose para encher de colorido os debuxos e trazar as letras.