CULTURA

Volven os concertos ás terrazas do Barco: este é o programa do Terrasón

El público sigue en la terraza y sillas del Concello el concierto de Velma Powel & Bluedays.
photo_camera Velma Powel & Bluedays na praza do Sagrado, no Terrasón do pasado ano.
Coñece as once bandas e artistas do ciclo de concertos que organiza o Concello do Barco

O Concello do Barco presentou o ciclo de concertos “Terrasón” que traerá ás rúas do Barco actuacións de 11 artistas e grupos de música. O programa esténdese desde este mesmo venres, 6 de agosto, ata o 12 do seguinte mes.

No cartel figuran artistas como Xoán Curiel, Aínda, Sofía Espiñeira, Tronka Jazz Quartet, Norma Winchester ou Gin Toni’s. Segundo explica no programa, a intención do Concello é “apostar pola reactivación económica” do sector da cultura, aproveitando a ocasión para beneficiar á hostalaría. É por iso polo que os concertos faranse en distintos lugares da vila, co obxectivo de  animar aos barquenses a consumir nas terrazas.

Este xoves abrirán a lista de concertos Superhéroes de Barrio, unha banda leonesa que toca versións de pop-rock español. Será ás 22,30 horas na rúa Abdón Blanco. O sábado á mesma hora pero na praza Andrés de Prada actuarán os ourensáns Soul&Roll,  que despregarán o seu repertorio de versións.

Programa do Terrasón 2021

Venres 6 de agosto

Superhéroes de Barrio. Rúa Abdón Blanco - 22,30 horas

Superhéroes de Barrio é unha banda leonesa que se dedica a interpretar versións de pop-rock español. Entre as bandas que homenaxean atópanse Tequila, Ilegales, Loquillo ou Los Enemigos.

Sábado 7 de agosto

Soul & Roll. Praza de Andrés de Prada - 22,30 horas

Soul & Roll son Tamara Pérez e Miguel Araujo, un dúo que toca versións variadas de éxitos desde os anos 80 ata a actualidade. Tamara canta e Miguel samplea varias capas instrumentais.

Venres 13 de agosto

Xoán Curiel (Danzamos no verán). Praza Maior - 20,30 horas

O compostelán ofrece un show enérxico coas cancións do seu libro-disco Estamos no verán!!!. No espectáculo combina música e danza, apto especialmente para os máis pequenos.

Sábado 14 de agosto

Aínda. Paseo do Malecón (zona da pasarela) - 22,30 horas

O cantautor ponferradino presentará no Barco cancións do seu vindeiro disco Karavasar, co que pretende situar o Bierzo no mapa da creación artística a nivel nacional.

Sábado 21 de agosto

Sofía Espiñeira. Paseo do Malecón (zona de Correos) - 22,30 horas

A cantante, procedente de Mugardos, ten un estilo moi persoal que viaxa da bossa nova á nosa música tradicional pasando por estilos como o blues ou a canción sudamericana.

Domingo 22 de agosto

Tronka Jazz Quartet. Praza do Sagrado - 12,30 horas

O vermú do domingo 22 correrá pola conta deste grupo vigués que nin é cuarteto nin fai jazz. Fan rock fusión, mestizando punk con canción lixeira ou bossa nova. Teñen un premio Maketón a mellor directo.

Venres 27 de agosto

Castro e Montes. Praza José Otero - 22,30 horas

Javier Castro e Andrés Montes forman un dúo que interpretará no Barco versións de cancións de grupos míticos do pop-rock español, como Duncan Dhu ou Los Rodríguez.

Venres 5 de setembro

La Buena Vida. Praza de Viloira - 22,30 horas

Tocan todos os estilos: pop, rock, rythm&blues... Tratarán de facerse co público coas súas versións de pop-rock tanto español como internacional, con éxitos de onte e hoxe na mochila.

Venres 10 de setembro

Norma Winchester. Programa cultural das Festas do Cristo

Rythm&blues. Swing. A espectacular voz de Norma Winchester estará ben acompañada pola banda Bluedays. En conxunto ofrecerán un sólido concerto dentro do programa cultural das Festas do Cristo. Bluedays repiten no Terrasón, xa que o ano pasado actuaron coa tamén espectacular cantante Velma Powel.

Sábado 11 de setembro

Gin Toni's. Programa cultural das Festas do Cristo

Seguridad Social, Radio Futura ou Fito & Fitipaldis serán algunhas das bandas homenaxeadas por esta banda, unha das referencias en canto a tributos ao pop-rock español no noroeste peninsular.

Domingo 12 de setembro

Blues do País. Programa cultural das Festas do Cristo

Mesturan a música co teatro, co clown e coa improvisación, pero o eixo central é a reinterpretación de clásicos do blues adaptados á nosa realidade cun chisco de retranca.

Te puede interesar