Munich en bicicleta

oa capital de Baviera pásame o mesmo que con Barcelona, que desde a primeira vez que fixen a primeira foto na Marienplatz quedei prendado do seu modus vivendi, e por iso repito cando podo a viaxe ó sudeste alemán onde me fixen adicto ós xardíns de cervexa, sen alcol no meu caso, para degustar ó aire libre, entre tormenta e tormenta, o codillo, as salchichas con chucrut ou a kartoffelsalat, todo elo acompañado dos riquísimos bretzels; compartindo mesa con ducias de nativos que, como a cousa máis natural do mundo, locen cada fin de semana os traxes típicos deste Estado Libre Confederado á hora de sair a xantar ou pasear.
O mesmo que fago cando visito por primeira vez calquera nova cidade, collo o bus turístico do que subo e baixo unhas cantas veces ó día en función do interese que teña a zona pola que circula; así podo facerme a foto na piscina olímpica na que Mark Spitz conseguira engaiolar o mundo coas súas sete medallas de ouro, ou no impresionante e modernísimo para a época Estadio Olímpico, onde o futbolista Gerd Müler marcou o gol decisivo contra Holanda convertendo ó equipo alemán en campión do mundo. Aínda hoxe impresiona a aquitectura e a cuberta textil que no seu día optaron a ser consideradas unha das sete marabillas do mundo moderno. Subín evidentemente ata as cabinas desde onde os reporteiros de radio e televisión contaron ó longo dos anos todo canto acontecemento deportivo tivo lugar no lexendario estadio, aínda que botei de menos non poder asistir ó concerto de Sting con orquesta sinfónica que ía ter lugar á noite seguinte cando eu xa tiña que voar cara Santiago para gravar o meu programa e actuar na gala do 25 de xullo. E claro, estando mesmo ó ladiño non puiden resistirme a entrar nun dos símbolos arquitectónicos da capital bávara, onde a BMW ten o seu cuartel xeral, o corazón da empresa desde hai máis de 30 anos, sendo declarado edificio histórico desde o 99, e coa sorte de que no seu museo se exhibise unha importante colección de coches de todas as épocas e dazasete obras de arte sobre rodas pintados por artistas da talla de Andy Warholl ou César Manrique; un espectáculo alucinante para os amantes dos coches e da arte.

Pero feito este percorrido en bus, o resto foi en bicicleta aproveitando eses días nos que as nubes deixaron pasar o sol e me permitiron coñecer durante horas o impresionante ambente de domingo no que os habitantes de Munich se van ó Englischer Garten, ou xardín inglés, a pasar a xornada nun dos maiores parques do mundo. Ás beiras do río Isar, onde ata os máis intrépidos practican surf nunha soa ola, puiden disfrutar de cousas tan variopintas como reunións de tribos urbáns como góticos e 'pin ups', convivindo armónicamene con familias traidicionáis bávaras, competicións masivas de artes marciáis ou coa xuntanza dunhas sete mil persoas en torno á Chinesischer Turm, onde novamente tiven cita gastronómica e festiva a pé de bici, comendo, bebendo e mesmo bailando cunha simpática descoñecida malagueña o 'Viva España' de Manolo Escobar que a orquestra alemana que se ve na foto estaba interpretando. Nin que dicir ten que rematei a xornada horas despois bebendo e cantando cuns descoñecidos alemáns que medio chapurreaban o español por aquelo das anuáis vacacións en Mallorca.

A bicicleta foi compañeira de fatigas tamén nos seguintes dias de visita museística e á zona universitaria, comprobando unha vez máis que nestes países, onde nacen os coches de luxo e a tecnoloxía punta, a maioría da poboación utiliza o transporte público e sobre todo a bicicleta, faga sol, chova ou neve, cousa que por estes lares, nos que a climatoloxía é bastante máis favorable seguimos tendo coma un snobismo propio de hippies desnortados e señoras do Grove que van á compra, como marabillosa excepción, por certo, desde hai moitos anos.

Cando vostede lea isto, seguramente eu andarei de novo enriba das duas rodas noutra cidade europea da que agardo poder contarlles algo bonito, porque despois dun ano bastante anodino ata a primavera que me reencontrei cos platós televisivos, precisaba sair a tomar o aire de máis alá dos Pirineos, séndolle fiel a este vello Continente do que tanto gusto, do que agardo que se una realmente dunha vez por todas, e deixando de lado esas viaxes a Países exóticos onde non se respectan os dereitos humáns ou onde parte da poboación malvive da caridade dos turistas. Xúrolles que aí non podería disfrutar nin o máis mínimo, nin sequera en bicicleta.

Te puede interesar