Viana do Bolo, referente nas inscricións funerarias en galego

USO DA LINGUA

A porcentaxe elévase ao 10% neste municipio da provincia de Ourense fronte ao 5% de Galicia

Inscrición funeraria en lingua galega no cemiterio de Viana.
Inscrición funeraria en lingua galega no cemiterio de Viana.

Un traballo de campo realizado recentemente pola educadora social e psicopedagoga Noela Broz Primo que estuda o patrimonio documental dos cemiterios galegos, revela que Viana do Bolo duplica a media na utilización da lingua galega en inscricións funerarias.

Baixo o estudo “Palabra e Memoria”, o primeiro traballo de campo foi realizado no cemiterio parroquial de Viana, onde se rexistra un importante incremento no uso da lingua galega nas inscricións funerarias. A estudosa formada no Campus de Ourense visualizou as inscricións realizadas por 237 familias e descubriu que un total de 37 delas xa abriron as portas ao uso do idioma galego escrito para recordar os seus parentes falecidos. Destaca ademais unha das inscricións que data do ano 1968, aínda que “sen querer aventurarse”, parece que aínda hai unha anterior a esta.

Isaac Pérez Vidueira, titular dunha funeraria no municipio, sinala que “hai un pequeno incremento nas últimas dúas décadas de familias que solicitan a inscrición en lingua galega. Cando eu empecei no sector, fai 30 anos, non se facía ningunha en galego, agora podemos dicir que 1 de cada 10 utiliza esta lingua.”

Aínda que polo momento non foi realizado un estudo exhaustivo da documentación recollida, sinalan que “á primeira vista chama a atención a redución do distanciamento entre as expresións oral e escrita tan presente no conxunto da sociedade”. En Viana a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras “muller”, “home”, “fillos” ou “netos” alcanza o 10%, xusto o dobre da media galega, “e a tendencia emerxente, nótase moi especialmente nestes anos que levamos do século XXI”, explican.

Relevo xeracional

Este incremento local confirma a tendencia que se desprende do estudo realizado por David Canto: o cambio produciuse nestes últimos anos débese ao relevo xeneracional. As primeiras persoas alfabetizadas en galego nos inicios da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan os seus parentes. Dende o pasado mes de outubro, os datos dos diferentes concellos están publicados na “Cartografía do uso do galego nos camposantos”.

Contenido patrocinado

stats