Lixoteca

Un divertido títere

Hoxe imos facer un títere co que poderás crear as túas propias historias. Para facelo necesitarás materiais moi fáciles de conseguir que seguro que xa tes na casa: dous roliños de papel hixiénico, dúas palliñas, corda, un punzón, catro corchos, un pau, elementos decorativos, pegamento e unhas tesoiras.

O primeiro paso será preparar os roliños de papel para facer de corpo e cabeza do noso cabaliño. Nun deles fai catro buratiños que formen un rectángulo. Do outro lado dese mesmo roliño, fai un burato en cada lado. No outro roliño, fai un burato nun extremo e outro no outro extremo que atravese de lado a lado.

Corta seis anacos de corda. Dous máis longos e catro algo máis pequenos. Colle o roliño que ten máis buratos e introduce a corda como ves na imaxe: os máis curtos nos catro buratos que forman un rectángulo e os máis longos que saian polos outros dous buratiños. 

Colle agora as palliñas e córtaas en anacos moi pequenos. Lembra deixar un anaco un pouco máis longo para que nos sirva de pescozo do cabaliño separando os dous roliños. Cando os teñas, mete os anaquiños máis pequenos nas catro cordas máis curtas para que fagan de patas e teñan mobilidade.

Vai collendo o pegamento porque aquí imos empezar a precisalo. Cando acabes de encher as patas con palliñas, remata cada unha delas cun corcho. Isto daralle peso para que o títere baile ben. O anaco de palliña máis longo vai no pescozo e, sobre el, colocamos o outro rolo de papel hixiénico. 

Antes de poñerte a decorar, engancha os dous cordeis nun pau. Esta será a túa guía para mover o títere como ti queiras. Se xa o tes, é momento de darlle vida e cor ó noso cabaliño con tantas cousas como ti queiras e xa está listo para crear as túas historias. Xa sabes… Mans á obra!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_1505_lagrimeo_01
Escola de Familias

Lagrimeo en el lactante