Plácido Álvarez Dobaño, alcalde de Muíños: “se as administracións aposan polo rural, entón teremos futuro”

VICEPRESIDENTE TERCEIRO DA DEPUTACIÓN

O incombustible Plácido Álvarez leva 31 anos á fronte dun concello do rural como Muíños, e 23 exercendo distintos cargos de responsabilidade na Deputación.

Plácido Álvarez, no seu despacho do Concello de Muíños.
Plácido Álvarez, no seu despacho do Concello de Muíños. | Miguel Ángel

O incombustible Plácido Álvarez leva 31 anos á fronte dun concello do rural como Muíños, e 23 exercendo distintos cargos de responsabilidade na Deputación.

Pregunta. En 2025 cumpriu tres décadas coma alcalde. Que Muíños colleu daquela e como ten cambiado?

Respuesta. Todo é mellorable sempre. Pero a herdanza non foi nada boa. Moitísimas débedas e demasiados servizos por mellorar: estradas, abastecementos, saneamentos, complexo turístico, servizos sociais moi deficitarios…

P. O vindeiro ano hai eleccións municipais. Ten corda para rato?

R. Pois non toca dicir nada neste momento, pero o vindeiro día 18 de abril teremos congreso local e si darei un paso ao lado para renovar pacificamente o comité local.

P. A Baixa Limia enfronta os mesmos problemas co resto da provincia: perda de poboación, avellentamento da que queda, falta de industria que xere postos de traballo. Cales son os retos que enfronta como xestor no rural?

R. A verdade é que eu son dos que busca sempre o lado positivo de todo, pero neste caso son algo pesimista. O despoboamento é galopante porque a poboación non se renova e os nosos maiores vanse marchando, é lei de vida. Hai unha media de 20-30 defuncións contra 2-3 nacementos, o que explica case todo, ademais da xente nova que marcha do concello para buscar un porvir mellor. Solución para todo isto ou, no peor dos casos, frear este despoboamento? Apostar polo rural todas as administracións públicas, xerar emprego, novas tecnoloxías que permitan o teletraballo. Porque servizos temos, e moitos: colexio, escola infantil, un complexo turístico-deportivo referente na Galicia interior, biblioteca, casa da cultura, un dos mellores campos de fútbol da provincia, o GES, servizos sociais que son a envexa de moitos.

P. Recentemente Muíños liderou unha alianza de seis concellos para aforrar na factura eléctrica. O futuro pasa por unha maior colaboración municipal?

R. Certo, eu estou totalmente en contra das fusións de concellos, pero totalmente a favor de agruparnos entre concellos para mellorar os custos e tamén a prestación de determinados servizos. A alianza que citas é un claro exemplo, para aforrar no elevado importe das facturas eléctricas. Tamén está a recollida de lixo por parte da Deputación, e compartimos traballadora e traballador social con Lobios, así como un arquitecto superior.

P. O ano pasado un grupo de veciños das Conchas (Lobeira) demandaron por vulneración de dereitos fundamentais pola contaminación do encoro a varios concellos, entre eles Muíños, así como á Confederación Hidrográfico Miño-Sil e á Xunta. Estes dous últimos organismos foron condenados en primeira instancia, e xa recorreron. Máis alá deste fallo, que exime ao seu Concello, que opina da presenza de cianobacterias no encoro?

R. O tema das cianobacterias preocúpanos moito pero lamentablemente politizouse demasiado. Ademais, polo que parece, debe haber algúns outros intereses, pero non quero entrar niso. Debemos estar todos xuntos na búsqueda de solucións. En Muíños somos os máis afectados polo noso complexo turístico-deportivo, sen olvidar para nada as reivindicacións dos veciños e veciñas das Conchas pola súa proximidade ao encoro e demais pobos ribeiráns. En todo caso non deixa de sorprender que foramos denunciados só algúns concellos, outros non, cando os denunciados, ribeiráns do encoro (Bande, Lobeira e Muíños), somos os sufridores do problema. Outros, augas arriba, xeran vertidos incontrolados, etc. Repito: temos que loitar todos xuntos para erradicar definitivamente este grave problema, pero deixemos a demagoxia política a un lado.

P. Ademais de alcalde, é secretario do Pereiro de Aguiar, polo que o seu coñecemento da administración local é profundo. Como se podería modernizar o funcionamento dos nosos concellos?

R. Ben, hai seis anos aproximadamente que estou en excedencia, dado que teño dedicación exclusiva na Deputación. Pero sigo sentíndome secretario-interventor porque sempre desfrutei co traballo da miña profesión, nada monótona e de moita proximidade aos veciños e veciñas, e iso supón que te sintas moi a gusto no que fas. Que se debería facer para modernizar o funcionamento dos nosos concellos? Eu, que exercín durante uns 35 anos, vivín avances impresionantes en todo: medios de traballo, instalacións, traballadores e traballadoras cada vez máis preparados, etc. Pero os novos tempos esixen novos esforzos que deben pasar por mellorar o financiamento das corporacións locais, atendendo a dispersión e envellecemento poboacional, superficie dos concellos, número de núcleos de poboación, entre outras. Ademais está en trámite a nova Lei de Administración Local de Galicia. Espero que, no ámbito das competencias da Xunta, se dea cumprida resposta a estas necesidades. Teño confianza en que así será.

P. É o vicepresidente terceiro na Deputación. Coas eleccións á vista, vese no Pazo provincial?

R. Neste momento non toca falar diso, pero son dos que penso que hai que saber chegar e saber marchar.

P. Como ve o liderado de Menor nestes dous anos e medio? A maior novidade ten sido o plan único de financiamento, o CooperOU.

R. Luis Menor é unha persoa especialmente traballadora, incansable. Xa o coñecín como alcalde do Pereiro de Aguiar sendo eu secretario, e coñezo ben a sua implicación en todo o que fai. Difícil substituír a José Luis Baltar e a José Manuel Baltar, cada un co seu estilo, pero a miña opinión é que o está facendo moi ben nun contexto político difícil dado que non temos maioría absoluta na Deputación, e iso limítanos moito á hora de tomar decisións. En todo caso, e con respecto ao Plan CooperOU, teño que dicir que ten defensores e detractores, como case todas as decisións importantes, pero algo tíñamos que facer, e máis nun goberno sen maioría absoluta. Toca pactar moitos asuntos sen que iso supoña unha continua “tragadeira” como pasa no Goberno central.

P. Por último, de seguro que ten proxectos en marcha para Muíños e cousas por facer. Cales son?

R. Como proxectos de futuro inmediato temos o novo centro de saúde, que nos permitirá ofrecer nas actuais instalacións cinco vivendas de aluguer para a xente nova, que son os que teñen menos recursos para independizarse, mentres seguimos potenciando a rehabilitación de vivendas. No eido do desenvolvemento turístico e infraestruturas, apostamos por investimentos estratéxicos, como novas sendas peonís cara o complexo “O Corgo” por 300.000 euros, seis cabanas turísticas por 360.000 euros e a declaración, xa en trámite, de Salgueiros como “Aldea Saudable”. Todo isto sen esquecer a mellora de espazos públicos en Taboadela, Farnadeiros e Maus de Salas, dos accesos a todos os pobos e á base de helicópteros e á BUO. Continuaremos coa rehabilitación e conservación do noso patrimonio histórico e arqueolóxico. E por suposto manteremos unha política activa de prevención de incendios e limpeza de pistas e cortalumes para evitar o que pasou este verán noutros concellos e comarcas. Esta e outras iniciativas presentarémosllas en breve ao presidente da Xunta, e confiamos en que sexan atendidas.

Contenido patrocinado

stats