Antón Coucheiro: “A improvisación serve para comunicarse e aprender a escoitar”
Coucheiro é actor especialista en técnicas de improvisación
O programa do Festival do Teatro Galego do Carballiño, que se desenvolverá a nivel de representacións na segunda semana do vindeiro mes de setembro, tamén contempla obradoiros adicados á formación das actrices e actores, aínda que tamén están abertos para o público en xeral. Nesta ocasión, o actor Antón Coucheiro está a impartir un cursiño sobre técnicas de improvisación no Auditorio municipal.
Cál é o contido deste obradoiro?
Trátase de 12 horas de cursiño, distribuídas entre hoxe (por onte, venres) e mañá, no que os asistentes (12 en total) adquiren coñecementos sobre unha disciplina artística que hai que adestrar para espectáculos de improvisación, nos que a obra créase e represéntase no mesmo intre diante do público, pero para elo precísase unha preparación previa.
Esta técnica tamén é aproveitable para a vida diaria?
Por suposto. Serve para facilitar a comunicación, falar en público e, sobre todo, saber escoitar e non estar metido nun mesmo. Moitas persoas que acuden aos cursiños non teñen experiencia previa na interpretación, pero con posterioridade nótase que son máis flexibles e adáptanse mellor ás técnicas de improvisación cá os actores ou actrices, que veñen xa cunhas pautas aprendidas.
É a improvisación un xénero moi utilizado no teatro galego?
En Galicia, nos últimos dous anos, cada vez hai máis compañías que introducen esta técnica nos seus espectáculos e por elo hai moita máis demanda deste tipo de obradoiros. Sobre todo, porque permite interactuar co público e implicalo nun exercicio no que cada espectador poida representar o seu propio papel. A improvisación tamén facilita que un grupo de artistas, aínda que sexan de diferentes países, fagan un espectáculo no mesmo momento e sen textos previos.
Cómo ve o actual panorama teatral?
O teatro galego vive nun estado de crise permanente, porque sempre foi o parente pobre fronte a outras disciplinas coma o cinema ou a televisión nas que se volcan a maioría das axudas económicas. Agora, xa sobrepasada a pandemia, que foi unha época de debacle total a nivel de representacións teatrais, estáse a ver certa saída. Cecais coa improvisación é máis doado, porque traballas cos mimbres que tes e non precisas máis complementos.
Hai poucos espectadores ao teatro?
Mentres haxa artistas enrriba dun escenario e público abaixo, aínda hai esperanza, hai teatro. Pola miña experiencia, podo asegurar que os espectáculos que utilizan técnicas de improvisación enganchan moito máis á xente xoven, e iste é un elemento a ter en conta para a incorporación de novos espectadores e a súa fidelización ao teatro cando sexan adultos.
Ten algún proxecto cara o futuro?
Recentemente, estiven na República Dominicana participando no festival “Espontáneo”, que está adicado precisamente á improvisación. No mes de novembro marcharei para Colombia. Na súa capital, en Bogotá, vou impartir clases de “clown”, que é unha disciplina que alí está moi arraigada, a diferencia da improvisación, que aínda teñen pouco desenvolvida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTA DO PULPO
Carballiño preparará unha tapa de pulpo de 610 quilos
OCIO EN FAMILIA
Los niños carballiñeses vencen el calor en la Festa da auga
Lo último