O Carballiño mobilízase pola lingua co “Proxecto Nós”

LENGUA

Máis de cen veciños, colectivos culturais e sociais, e institucións políticas participaron na capacitación de voz para esta iniciativa

Na aula Cemit da biblioteca de Carballiño.
Na aula Cemit da biblioteca de Carballiño.

O Concello do Carballiño acolleu onte na aula CEMIT da Casa da Cultura unha xornada especial de captación de voz en lingua galega, enmarcada dentro do “Proxecto Nós”. Esta iniciativa, que está promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia coa colaboración do Concello, contou cunha ampla participación da veciñanza segundo sinalan desde o Consistorio. Máis de cen persoas doaron a súa voz, facendo que O Carballiño se convertese nun dos concellos con maior implicación neste proxecto. Entre os participantes, estiveron presentes arredor de vinte colectivos sociais e culturais da zona, como as Asociacións Veciñais de Sagra, Santa Uxía de Lobás e da Piteira, ademais de outras entidades culturais como a Polifónica do Casino, Os Potiños, Dar Trela, Avantar ou Filatrónika Dr. Anchoa. Tamén se sumaron á xornada diversos estudantes e tamén o profesorado de centros educativos do municipio, traballadores do concello e empresas locais como “OZOCOgz deseño galego”.

A captación de voces contou tamén co apoio institucional do alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, que foi un dos primeiros en participar, xunto ao tenente de alcalde, José Rafael Castro-Gil, e a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Lorena Castro Reinoso, encargada da organización do evento. Tamén participaron nesta doazón de voces outros representantes institucionais da comarca.

O “Proxecto Nós”, impulsado pola Xunta e a Universidade de Santiago, ten como obxectivo garantir que a lingua galega sexa compatible cos novos avances tecnolóxicos. Para iso, é necesario contar con gravacións de voces en galego que permitan adestrar os sistemas de recoñecemento de fala, síntese de voz e outras ferramentas tecnolóxicas. Busca que os dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” galego, facilitando o seu uso en contextos dixitais como asistentes de voz, tradución automática ou recoñecemento de fala.

A concelleira Lorena Castro destacou a gran resposta da veciñanza, superando as expectativas iniciais e poñendo de manifesto o compromiso da cidadanía do Carballiño coa súa lingua. Segundo explicou, “a implicación da xente foi un exemplo de solidariedade e de aposta pola normalización do galego nos ámbitos dixitais”.

Contenido patrocinado

stats