O Conservatorio do Carballiño pretende integrarse na rede da Xunta
FORMACIÓN CULTURAL
Unha representación do profesorado e dos pais do Conservatorio Profesional e Escola de Música do Carballiño asistirá mañá a un acto no Parlamento de Galicia correspondente á campaña de recollida de sinaturas en apoio á iniciativa presentada polo BNG para solicitar que a Consellería de Educación asuma as competencias e a xestión integral dos conservatorios municipais
A comunidade educativa do Conservatorio Profesional Municipal do Carballiño pretende impulsar a integración deste centro na rede autonómica de conservatorios de música.
Esta integración, considera a comunidade que aportaría importantes vantaxes como a diminución no custo das matrículas para as familias; maior dotación de recursos; estabilidade e potencial ampliación do persoal docente; alivio económico para o Concello e integración nunha rede educativa consolidada.
Con tal motivo, unha representación do profesorado e dos pais do Conservatorio Profesional e Escola de Música do Carballiño asistirá mañá a un acto no Parlamento de Galicia correspondente á campaña de recollida de sinaturas en apoio á iniciativa presentada polo BNG para solicitar que a Consellería de Educación asuma as competencias e a xestión integral dos conservatorios municipais, incluíndo a mellora laboral do profesorado, provisión de maiores recursos económicos e tamén de persoal.
A representación do Carballiño estará nunha reunión con Ana Pontón e outros deputados. Nesta reunión entregaranse as sinaturas recollidas e formalizarase a petición á Xunta. A directiva da ANPA advirte aos interesados en asistir que deberán facilitar o nome completo, DNI e matrícula do vehículo no caso de utilizalo. Esta información proporcionarase ao persoal de seguridade do Parlamento de Galicia polo que deberán contactar con esta directiva o antes posible.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último